A aula permanente de música tradicional percorrerá de novo as rúas da Boa Vila
Por Redacción
A aula permanente de música tradicional galega ten previsto participar o próximo mes de marzo no concerto de primavera do campus de Pontevedra e en xuño protagonizará de novo un ciclo de actuacións en diferentes prazas da Boa Vila.
Además participarán tamén en encontros de música tradicional en diferentes puntos de Galicia.
Dende 2018, o campus de Pontevedra conta con esta aula permanente de música tradicional galega, na que tanto integrantes da comunidade universitaria como persoas alleas á institución académica inícianse ou perfeccionan o seu manexo de diferentes instrumentos.
Con máis de 40 persoas inscritas, á aula sumouse no presente curso un grupo de música tradicional, no que unha decena de participantes traballan xa na preparación dun repertorio.
A esta aposta pola música galega, a vicerreitoría do campus suma tamén desde o pasado curso un obradoiro de iniciación ao baile tradicional galego, aberto tamén ao conxunto da cidadanía, que cubriu as súas 30 prazas.
Dirixida por Suso Vaamonde, a aula de música tradicional contou novamente cunha "moi boa aceptación", cubrindo todas as súas prazas "e quedando moitas en lista de agarda", como explica este músico. Máis do 80% dos participantes son persoas que repiten presenza ano tras ano, o que permite que "sigamos avanzando en cantidade e calidade", recoñece este gaiteiro.
"Mesmo houbo quen este ano iniciouse nun segundo instrumento", engade Vaamonde dunha actividade que combina o traballo por bloques de instrumentos cunha parte de interpretación conxunta na que preparan o repertorio de futuras actuacións.
A idea "é manter as do curso pasado e mesmo incrementalas", sinala Vaamonde, que explica que a aula actuará novamente con "diferentes seccións", de tal xeito que nalgúns casos participará co grupo de gaitas e percusión, noutros con acordeóns ou zanfonas e noutros "coa aula ao completo", en formato de "orquestra de instrumentos populares".
Á aula sumouse este curso a creación do grupo de música tradicional do campus, centrado xa non na aprendizaxe, senón na interpretación conxunta dun repertorio. Dirixido pola gaiteira Marina Fernández Vigo, esta formación combina as sesións de ensaio co traballo individual dos seus integrantes na preparación de diferentes pezas recollidas de cancioneiros.
Iniciada en novembro, a formación está a ter un inicio "moi positivo", como recoñece esta profesora de gaita e percusión, pese "ao cambio" que supón "pasar de tocar nun grupo moi grande como a aula a ser solistas".
Mais isto permítelles afondar "na parte máis teórica da historia da música tradicional", co "obxectivo a medio prazo" de poder ofrecer "concertos didácticos" nos que abordar a súa evolución e o traballo de recollida de pezas populares, como explica o director de área adxunto á Vicerreitoria, Luis Torres.
"A pretensión é poder ter montado a final de curso un espectáculo", engade Fernández Vigo, que sitúa o "valor engadido" dun grupo "non profesional" nesa "compoñente didáctica", que permita non só escoitar xotas ou muiñeiras, "senón tamén achegarnos á figura dos gaiteiros de principios do século pasado ou a cambios sociais que implicaron tamén cambios musicais".
O OBRADOIRO DE DANZA AMPLÍASE CON DOUS NIVEIS
"Como bailar nun serán", é o nome do obradoiro que ten á fronte á mestra de baile, pandeireta e canto tradicional Montse Rivera, integrante de Leilía.
Tamén con todas as súas prazas cubertas, este curso de iniciación ao baile tradicional desenvólvese, coa colaboración do Concello, no Pavillón Municipal dos Deportes e articúlase este curso en "dous niveis", como explica Rivera, "un coa xente que xa fixo o curso o ano pasado e outro para a que se apuntou nova", xunto cunha franxa de traballo conxunto.
Dirixido a que os participantes poidan "aprender o imprescindible para poder participar de maneira activa nunha foliada", o grupo de iniciación centra a súa actividade "no ritmos da muiñeira e o pasodobre", mentres que co de continuación "estámonos centrándonos máis na xota e no valse".
Ademais da práctica, o obradoiro permitirá tamén afondar no traballo de recolleita de bailes populares, á vez que se sumará tamén ás actuacións promovidas desde a vicerreitoría. De feito, apunta Rivera, está prevista a participación dalgúns integrantes no concerto de primavera, así como compartir coa aula permanente unha das actuacións que terán lugar nas prazas da cidade.
Relacionadas:
-
Un equipo de mestras de Murcia estreitan lazos co CEIP da Laxe para avanzar no modelo educativo do futuro
Por Oskar Viéitez |
-
Últimos días para apuntarse ao novo grupo de música tradicional do campus
Por Redacción |
-
A Aula Permanente de Música Tradicional pecha o seu percorrido pola cidade
Por Oskar Viéitez |
-
A Aula Permanente de Música Tradicional inicia na praza da Verdura o seu percorrido pola cidade
Por Redacción |