A Aula Permanente de Música Tradicional inicia na praza da Verdura o seu percorrido pola cidade
Por Redacción
Muíñeiras, xotas, mazurcas, pasodobres e polcas soaron na tarde deste luns na pontevedresa praza da Verdura, espazo no que a Aula Permanente de Música Tradicional Galega abría o ciclo de actuacións no espazo público que desenvolve ao longo do mes de xuño.
Trátase dunha actividade formativa que o campus promove desde hai seis cursos, pero esta primeira actuación tivo como protagonistas ás preto de 30 persoas que integran o grupo de gaitas e percusión desta aula.
Co músico Suso Vaamonde como responsable, trátase dunha actividade formativa aberta á participación de toda a cidadanía, que permite iniciarse ou perfeccionar coñecementos no manexo de diferentes instrumentos populares.
Neste mes de xuño a Aula protagoniza unha serie de concertos en diferentes prazas da cidade.
Programados todos eles para as 20.30 horas e impulsado coa colaboración do Concello, este ciclo arrancou na tarde deste luns na Verdura e trasladarase o día 12 á praza do Teucro, onde o grupo de gaitas e percusión estará acompañado en varias pezas polo coro sénior do campus de Vigo e polo novo grupo de baile tradicional do campus.