A ruandesa 'The Bride' triunfa como mellor película e mellor dirección no festival Novos Cinemas
Por Redacción
A película ruandesa 'The Bride', dirixida por Myriam U. Birara, é a gran triunfadora da oitava edición do festival pontevedrés Novos Cinemas ao lograr o Premio Novos Cinemas á mellor longametraxe da Sección Oficial e o Premio Xurado Novo á mellor dirección.
A outra longametraxe máis valorada foi 'An Evening Song (for three voices)' de Graham Swon, con dous importantes recoñecementos, o Premio do Xurado da crítica e o do público.
O veredicto do xurado, composto por Gloria Benito, Silvia Cruz e Helena Wittman, tamén outorgou dúas mencións especiais: unha para 'Peter Pan', de Natacha Samuel e Florent Klockenbring, "por elixir non crecer e poder amar a todes" e outra para 'There is a stone', de Tatsunari Ota, "por lograr contar un encontro improbable a través de espazos intermedios e momentos de silencio".
O xurado Internacional destacou de 'The bride', ópera prima de Myriam U. Birara, "a súa capacidade para transformar unha situación violenta nun emotivo testemuño de amor e solidariedade, empregando unha narrativa aparentemente sinxela que enriquece a historia con destreza e harmonía". A película narra o drama social dos matrimonios forzados que sofren moitas mulleres en Ruanda.
O Premio Xurado Novo, outorgado por Daniel Filloy, Rebeca Tella, Miguel López, Ash Diz e Laura Somoza, foi para 'The bride'. O xurado destacou "a evidencia dunha mirada, no seu retrato sensible e natural dunha realidade complexa, unha posta en forma impecable e un gran traballo coa repartición".
O Xurado Latexos da edición 08 de Novos Cinemas, conformado por Ana Matilde Uslenghi, Xan Viñas e Sergio Casteleiro, outorgou a 'Zimmerwald', de Valeria Stucki, o Premio Novos Cinemas á mellor longametraxe da Sección Latexos, "pola súa aproximación á historia e a súa vinculación co espazo público e como é pensado desde a contemporaneidade, ofrecendo unha perspectiva contemporánea que #cativo".
Gerard Casau, Jesús Silva e Daniela Urzola concederon o Premio do Xurado da crítica a 'An evening Song (for three voices)' do norteamericano Graham Swon, "pola súa mirada singular á tradición do gótico americano a través dunha linguaxe fílmico onde palabra e imaxe conxúganse en equilibrio e por seguir abrindo camiños insólitos no verdadeiro cinema independente estadounidense que reivindica o valor artesanal". Swon foi un dos directores que estivo presente no Teatro Principal nesta edición do festival.
O Premio do Público, seleccionado pola audiencia do festival, distinguiu novamente a 'An evening song (for three voices)' consolidando o seu lugar como unha das preferidas nesta edición.
Listado de premios:
- Premio NOVOS CINEMAS á mellor longametraxe da Sección Oficial: 'The Bride' de Myriam U. Birara.
- Premio LATEXOS á mellor longametraxe da Sección Latexos: 'Zimmerwald' de Valeria Stucki.
- Premio do XURADO DA CRÍTICA: An evening song (for three voices)' de Graham Swon.
- Premio XURADO NOVO á mellor dirección da Sección Oficial a: Myriam U. Birara por 'The Bride'.
- Premio do PÚBLICO: 'An evening song (for three voices)' de Graham Swon.
Relacionadas:
-
Ángel Filgueira pechou a Edición 08 de Novos Cinemas coa estrea galega de 'Cando toco un animal'
Por Redacción |
-
Carlos Martínez-Peñalver: "Estar en Novos Cinemas é como volver á casa cos deberes feitos"
Por Alejandro Espiño |
-
Novos Cinemas, o festival que busca "subir un chanzo máis" coa súa oitava edición
Por Alejandro Espiño |
-
Berio Molina asina a cabeceira da Edición 08 de Novos Cinemas
Por Redacción |
-
Trece películas, sete delas estreas en España, competirán nun Novos Cinemas "bastante equilibrado"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |