Trece películas, sete delas estreas en España, competirán nun Novos Cinemas "bastante equilibrado"
Cunha programación "bastante equilibrada". Así regresará a Pontevedra, segundo o seu director artístico Suso Novas, o festival Novos Cinemas, que celebrará a súa Edición 08 entre os días 12 e 17 de decembro. Un ano máis, o Teatro Principal será o seu escenario principal.
Serán trece longametraxes a concurso, nove na súa sección oficial e catro na sección Latexos, sete deles estreas absolutas en España. Os filmes foron seleccionados entre preto de 200 candidaturas presentadas, procedentes de máis de 60 países.
O festival, centrado nas primeiras e segundas películas dos cineastas participantes, contará na súa sección oficial con películas de Estados Unidos, Ruanda, Arxentina (2), Francia (2), Canadá, Suecia e Xapón, segundo detallaron os seus organizadores.
Entre outras materias, subliñou Novas, o público entrará en contacto co feminismo en Ruanda, co "tema tabú" do suicidio entre os adolescentes, coa integración duns inmigrantes que queren manter a súa identidade ou coa eterna procura do noso lugar no mundo.
As películas que terán a súa estrea en España son as francesas "Le coueur du masturbateur", de Michael Salermo; e "Peter Pan", de Natacha Samuel e Florent Klockenbring; a arxentina "Cambio, cambio", de Camila Fabbri; a xaponesa "There is a stone", de Tatsunari Ota; e a estadounidense "An evening song (for three voices)," de Graham Swon.
Os outro catro filmes da sección oficial son inéditos en Galicia. Trátase da canadense "Concrete Valley", de Antoine Bourges; "The bride", da ruandesa Myrian U. Bariba; a arxentina "Clara se pierde en el bosque", de Camila Fabbri; e a sueca "The wild duck", de Nadja Ericsson.
A sección Latexos, un espazo que reúne aquelas propostas que quedaron fóra dos circuítos habituais, mostrará desde documentais sobre comunidades europeas ata propostas de ficción con itinerarios emocionais.
Proxectaranse "Abril, verde, amarillo", do realizador arxentino Santiago Aulicino, que se estreará internacionalmente neste festival; "Las tierras del cielo", de Pablo García Canga; "Antier Noche", de Alberto Marín Meaño (estrea en Galicia) e "Zimmerland", da directora suíza Valeria Stucki (estrea en España).
Catro serán os proxectos do Novos Cinemas LAB, na que catro realizadores noveis recibirán o asesoramento e orientación de profesionais do sector para perfeccionar os seus primeiros proxectos cinematográficos, todos eles de natureza independente.
Os catro cineastas seleccionados este ano cos españois Bárbara Fernández e Jacobo Lagüela, que desenvolven os filmes "Backside Ollie" e "Jurdana", respectivamente; o portugués Luis Campos, con "Terra Vil"; e a arxentina Tatiana Ivancovich con "La capital de la semilla".
O equipo asesor que lles axudarán no seu proceso creativo está integrado pola socióloga e xestora cultural Isona Admetlla, a distribuidora Isabel Ivars e os produtores Jamie Weiss e Marjorie Bendeck.
Precisamente, dous dos proxectos xurdidos deste Novos Cinemas #LAB protagonizarán as sesións de apertura e clausura deste ano, segundo detallou Suso Novas.
Así, o director vigués Carlos Martínez Peñalver abrirá o festival o martes 12 de decembro coa súa primeira película, "Á procura da estrela", un traballo a medio camiño entre o documental e a ficción que foi rodado na portuguesa Serra da Estrela.
A clausura, o domingo 17 de decembro, correrá a cargo do cineasta redondelano Ángel Filgueira, que debuta con "Cando toco un animal", un drama romántico que explora as relacións amorosas contemporáneas a través dun triángulo amoroso.
A programación desta Edición 08 de Novos Cinemas completarase coa retrospectiva dedicada á escritora, directora e produtora Katrin Rothe, pioneira na animación por Internet e referente na fusión dos xéneros de ficción, documental e animación.
Da cineasta alemá, que acudirá a Pontevedra para esta homenaxe, proxectaranse dúas das súas películas "1917-The Real October" e "Johnny & Me - A Journey Through Time With John Heartfield" e as curtametraxes "Until Grass Grows" e "Skizzenflm- 50 Jahre Robotrom".
A sección #Encontros, pola súa banda, será un foro para fomentar o diálogo e as sinerxias entre diferentes sectores vinculados ao mundo cinematográfico e, nesta ocasión, ofrecerá unha aproximación a varios traballos de profesionais de España e Portugal.
Será cos cineastas vigueses Víctor Soho e Bruno Arias, que avanzarán os seus novos filmes; Tiago Vieira da Silva, profesor da Escola Superior Artística do Porto; o realizador portugués Luís Campos, a distribuidora brasileira Silvia Cruz ou a produtora galega Beli Martínez.
Esta vertente formativa incluirá ademais actividades para estudantes como a proxección de "Ao final da escapada" de Jean-Luc Godard; a exhibición de "A foreign song" de César Souto, que participará nun coloquio posterior; ou un taller sobre técnicas do oficio de figurinista.
APOIO DE CONCELLO, DEPUTACIÓN E XUNTA
Novos Cinemas contará, un ano máis, coa colaboración das tres principais administracións, o Concello de Pontevedra, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, esta última a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, subliñou que "estamos encantados" que este festival converta a Pontevedra nun "punto de referencia" para cineastas "que buscan novos camiños para explicarnos o mundo no que vivimos cunha visión nova, diferente e fresca".
O deputado Jorge Cubela, pola súa banda, sinalou que Novos Cinemas converteuse nunha "cita ineludible" para o audiovisual galego e destacou o seu enfoque para "apoiar novos valores e creadores emerxentes", atraendo a público "fóra das nosas fronteiras".
Desde a Agadic, o seu director Jacobo Sutil celebrou que este festival "soubo atopar a súa especialidade", diferenciándose doutros certames e apostando pola formación de novos profesionais. A súa programación, avanzou, "non vai a deixar a ninguén indiferente".
Relacionadas:
-
A ruandesa 'The Bride' triunfa como mellor película e mellor dirección no festival Novos Cinemas
Por Redacción |
-
Carlos Martínez-Peñalver: "Estar en Novos Cinemas é como volver á casa cos deberes feitos"
Por Alejandro Espiño |
-
Novos Cinemas, o festival que busca "subir un chanzo máis" coa súa oitava edición
Por Alejandro Espiño |
-
Berio Molina asina a cabeceira da Edición 08 de Novos Cinemas
Por Redacción |
-
Os seis poemas galegos de Lorca soarán no Concerto de Aninovo da Filharmónica na voz de Amancio Prada
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O cinema en clave feminina protagoniza a nova AUGAL, a 'master class' do audiovisual galego
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Novos Cinemas acollerá o primeiro foco dedicado a Katrin Rothe, pioneira na animación por Internet
Por Redacción |
-
Novos Cinemas #8 vai desenvolverse entre o 12 e o 17 de decembro
Por Redacción |