Marcos Martínez (voz e guitarra), Óscar Freire (guitarra), Daniel Abreu (baixo) e Sergio Abreu (batería) conforman desde comezos de 2020 a banda Mürt. Son vigueses e o seu espazo sonoro ten como referencias "grupos de comezos dos 2000 como The Strokes ou Arctic Monkeys" sinala Sergio Abreu con quen falamos no podcast 'Cara a cara'.
En 2022 autoeditaron 'Crowling society'. Foi o seu primeiro traballo, un epé con tres temas gravado "dunha forma bastante agradable e poética".
Este próximo venres 15 presentan o seu primeiro elepé, 'Walk into the mist'. Un traballo con sete temas que empezaron a gravar en febreiro no estudo Cruz del Sur con Sergio Martínez (músico de Iván Ferreiro). Polo momento en formato dixital, aínda que contemplan editar tamén en formato vinilo.
Marcos Martínez escribe as letras do repertorio de Mürt - que neste proxecto inclúe tamén letras en castelán e non só inglés -, e entre os catro compoñen "nun proceso bastante natural". Teñen experiencia nos directos da escena viguesa, da súa área metropolitana e tamén en San Vicente do Grove.
"Hai moita actividade, concertos todas as semanas non só de grupos locais, tamén nacionais e internacionais; eu creo que hai moi boa canteira en Vigo e moi variada. Desde jazz ata o underground", apunta Abreu.
Presentarán en directo este novo disco o día 22 de decembro na Fábrica de Chocolate de Vigo.
O podcast completo pódese escoitar na ligazón que se adxunta e tamén descargar ou escoitar desde a web dePontevedraViva Radio.