A perda de poder adquisitivo mobiliza os pensionistas, molestos con Celia Villalobos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Un grupo de pensionistas concentrábase este martes ante as oficinas da Tesourería da Seguridade Social na rúa Gagos de Mendoza de Pontevedra. Reclaman unhas pensións dignas para o presente e para o futuro.
Precisamente queren chamar a atención da poboación máis nova para que apoien as súas reivindicacións porque, como explicaba a portavoz de Comisións Obreiras Mercedes Márquez, as pensións constitúen un pacto entre xeracións.
O sindicato CC.OO. considera que é necesario mellorar o sistema de pensións a través do Pacto de Toledo. Precisamente critican a invitación da presidenta da comisión do Pacto de Toledo, Celia Villalobos, cando convidaba a que os máis novos fixesen o seu plan de pensións privado con dous euros. Mercedes Márquez lamenta estas declaracións xa que entende que dicirlle aos mozos que comezan no mundo do traballo que fagan un plan de pensións con dous euros é chamar "tontos" tanto a adultos como á mocidade.
En Comisiones Obreras cren que o goberno busca que as bancas controlen o diñeiro das cotizacións dos traballadores á Seguridade Social. Por isto, os pensionistas insisten na necesidade de que o Goberno central incremente as pensións por encima do 0,25 para que deixen de perder poder adquisitivo.
Aseguran que é necesario rematar coa precarización laboral para que o sistema público de pensións se manteña. Piden tamén que o Goberno alcance un acordo cos axentes sociais para aumentar os ingresos e soster a fórmula actual.
Os manifestantes entregaron un escrito nas oficinas da Tesourería da Seguridade Social reclamando, entre outros puntos, medidas de inspección que faciliten a aparición dunha boa parte da economía mergullada, que permitiría un incremento de ingresos por cotizacións sociais de varios miles de millóns de euros anuais.
Este mércores, pensionistas pertencentes ao sindicato CIG tamén se concentrarán ás 12.00 horas na praza da Peregrina en defensa do sistema público de pensións e para reclamar que as pensións mínimas sexan iguais ao Salario Mínimo Interprofesional.
Relacionadas:
-
Piden estabilidade no emprego para manter o sistema público de pensións
Por Redacción |
-
A eurodeputada Lidia Senra chama á mobilizarse o 22 de febreiro na defensa das pensións públicas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Piden que Rajoy priorice en pensións dignas antes que en Defensa: "Que é primeiro? Comer ou tirar balas?"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
UGT e CCOO demandan "emprego estable, salarios xustos, pensións dignas e máis protección social"
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |