Piden estabilidade no emprego para manter o sistema público de pensións
Por Redacción
Os sindicatos CC. OO. e UGT convocan unha concentración este xoves 15 de febreiro ante a Subdelegación do Goberno de Pontevedra ás 11:30 horas. Os manifestantes reclamarán un sistema de pensións digno, dentro da campaña que están a desenvolver nos últimos meses.
Os secretarios comarcais de UGT, Ramón Vidal, e CC.OO., José Ramón Piñeiro, coa representante dos pensionistas deste sindicato, Mercedes Márquez, incidiron este martes en rolda de prensa na necesidade dunha subida das pensións máis aló do 0,25% destes últimos anos. O seu obxectivo é a derrogación da reforma que levou a cabo o goberno no ano 2013, a través dunha serie de mobilizacións.
Estes sindicatos queren mentalizar aos traballadores de que existen fórmulas para que se manteña o actual sistema público de pensións como o incremento de dous puntos de cotización, o aumento das bases máximas de cotización ou a asunción por parte do Estado dos gastos de administración da Seguridade Social.
Pero, sobre todo, reclaman unha mellora do mercado de traballo para que se sustente o réxime actual da Seguridade Social. Afirman que desde o ano 2013, os pensionistas perderon nun 4% o poder adquisitivo e, aínda así, hai pensionistas que cobran máis que os seus fillos. Unha circunstancia que, segundo os sindicatos, demostra a mala situación na que se atopa o mercado tras as reformas laborais desta década.
Para modificar e mellorar a subida do 0,25% queren chegar á mesa de diálogo do pacto de Toledo e pedir que se respecte o antigo sistema de revalorización, de acordo co IPC.
Ademais levará a cabo unha recollida de sinaturas entre os días 19 e 23 de febreiro. Estas sinaturas serán presentadas á ministra Fátima Báñez, a quen esixe unha mellora da calidade dos actuais contratos a tempo parcial e lograr unha cotización que permita estabilidade no futuro. Como medida para evitar que as pensións sigan padecendo situacións de crises, tamén propoñen un imposto paralelo ao financiamento.
Actualmente, a pensión media en Galicia supera por pouco os 700 euros. Destas pensións dependen integramente preto de 17.000 pontevedreses.
Relacionadas:
-
Os pensionistas avisan a Rajoy: "Somos os de maio do 68. Nin un paso atrás"
Por Anxo Lourido |
-
Os pontevedreses alzan a voz por unhas pensións dignas
Por David Arana & María López Verdial |
-
A eurodeputada Lidia Senra chama á mobilizarse o 22 de febreiro na defensa das pensións públicas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Piden que Rajoy priorice en pensións dignas antes que en Defensa: "Que é primeiro? Comer ou tirar balas?"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A perda de poder adquisitivo mobiliza os pensionistas, molestos con Celia Villalobos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |