Todos para unha e unha para todos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, acolle desde este martes a oficina de información turística de Pontevedra. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, aproveitaron a posta en marcha desta iniciativa conxunta para tender a man á Xunta de Galicia e traballar para que unifique neste histórico edificio a súa oficina de turismo na cidade.
Na Boa Vila había cinco oficinas turísticas de distintas institucións e agora só quedan dúas, a da Xunta e esta de a Deputación, a primeira de Galicia en obter a Q de Calidade, ademais de contar co distintivo do SICTED.
Na súa visita oficial ambos os políticos celebraron que todas as persoas que visitan a capital da provincia teñan centralizada a información turística.
Os primeiros pasos deste acordo entre a Deputación e o Concello de Pontevedra xa se foron dando nos últimos meses, coa supresión da oficina de información turística de Vialia e da situada en Montero Ríos.
Os últimos trámites pecháronse este mesmo luns, tras asinar a presidenta provincial unha resolución e celebrar unha xunta de goberno extraordinaria o Concello. "Foi moi complexo porque o procedemento administrativo é moi lento", comentou Silva.
Co obxectivo de seguir "mellorando, impulsando e modernizando" este sector, a institución provincial, da man do Concello de Pontevedra, pretende seguir "sumando sinerxias e pensando no ben común", polo que desde o goberno provincial están a "impulsarse medidas para optimizar os recursos públicos", dixo a presidenta da Deputación.
"Acordar coa Xunta de Galicia é máis custoso pero imos seguir por ese camiño" dixo Carmela Silva. Pola súa banda o alcalde adiantou que o Concello traballará "para mellorar a sinalización deste palacete" polo que se acometerá un proxecto neste sentido.
Relacionadas:
-
Sanxenxo entrega os seus premios á "Calidade Turistica"
Por Oskar Viéitez |
-
Dez praias de Sanxenxo lucirán a Q de calidade
Por Redacción |
-
A campaña da Deputación do certificado de calidade turística Sicted acada un centenar de novas adhesións
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva reprocha a Nava Castro as dificultades para unificar as oficinas de turismo
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta pon en dúbida a unificación das oficinas turísticas da Deputación e o Concello no Palacete das Mendoza
Por Redacción |
-
Rías Baixas estima unha ocupación do 85% en Pontevedra na ponte do 1 de maio
Por Alejandro Espiño |
-
"A mellor Semana Santa desde 2010" en ocupación hoteleira
Por Diego Espiño |