Dez praias de Sanxenxo lucirán a Q de calidade
Por Redacción
O tenente alcalde, Gonzalo Pita e o concelleiro de Turismo, Jesús Sueiro, recolleron este luns en Madrid, de man da Secretaria de Estado de Turismo, Matilde Asian, os diplomas de recoñecemento da calidade turística pola Q de Calidade.
Un total de dez praias lucirán este verán a bandeira "Q de Calidade": Areas, Silgar, Baltar Caneliñas, Canelas, Montalvo, Pragueira, Major, Areas Gordas e A Lapa.
Estes areais foron revisados e certificados polo Instituto para a Calidade Turística Española, sometidos a auditorías que supervisan os procesos da dirección, a planificación e a organización dos recursos, así como a xestión ambiental, o control e a mellora continua.
Ademais, realizouse unha inspección da seguridade no mar, o balizamento, a área de salvamento e a información sobre os servizos prestados en cada unha das praias. Tamén se tivo en conta o proceso de recollida selectiva de residuos, o mantemento dos equipamentos existentes, os aseos, duchas, lavapés e as actividades lúdico-deportivas ofrecidas.
Ás dez bandeiras das praias, hai que sumarlles a do porto deportivo Juan Carlos I e a da oficina de turismo, que, unidas ás xestionadas por empresas privadas, converten a Sanxenxo no segundo municipio con máis Q de Calidade de España.
O municipio acumula así un total de 36 certificacións, o que supón un aumento dun distintivo con respecto ao ano pasado, ao engadir á lista de areais a praia de Pragueira.
Desde a concellería sinalan que "non nos conformamos e seguiremos traballando para lograr incrementar os distintivos que ondeen no noso Concello o próximo verán".
Relacionadas:
-
Sanxenxo iza as bandeiras azuis nas súas praias
Por Redacción |
-
Pontevedra logra 53 bandeiras azuis para as súas praias con Sanxenxo á cabeza, con once
Por Alejandro Espiño |
-
Todos para unha e unha para todos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Palacete das Mendoza acolle a oficina municipal de información turística de Pontevedra
Por Luca Yohan Silva Lamy |