Carmela Silva reprocha a Nava Castro as dificultades para unificar as oficinas de turismo
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, reprochou á directora xeral de Turismo da Xunta de Galicia, Nava Castro, as dificultades para poder implantar un modelo unificado de oficinas de información turística na provincia de Pontevedra.
Na habitual comparecencia de prensa con motivo da xunta de goberno da Deputación, Carmela Silva saíu ao paso das declaracións efectuadas este mércores por Nava Castro nas que manifestaba as súas dúbidas sobre o funcionamento conxunto das oficinas turísticas da Deputación e do Concello no Palacete das Mendoza, na avenida de Santa María.
En concreto, Nava Castro dixo que ese traslado do servizo municipal a ese edificio o pasado mes de abril levou a cabo de maneira "rapidísima" sen que se lle informara por parte da Deputación, institución coa que leva case dous anos tentando unificar as oficinas da administración autonómica no Palacete das Mendoza.
"Á cidadanía hai que contarlle a verdade, é un principio básico da política", indicou hoxe xoves Carmela Silva, que defendeu o modelo de unificación posto en marcha co Concello de Pontevedra que ocupa un espazo propio dentro das oficinas de información de Turismo Rías Baixas, suprimindo o resto de puntos e oficinas repartidos pola cidade. "Ese é un bo modelo, moito mellor que ter en todas as cidades de Galicia diferentes oficinas que o que fai é que a xente se volva tola", comentou.
A presidenta provincial defendeu que foron os "especialistas en turismo" os que expuxeron esta fórmula. "Porque nós escoitamos aos técnicos cando tomamos decisións, non somos desa xente que cre que sabe de todo e demostra cada día que non sabe de nada. Somos xente seria", apuntou Silva.
A presidenta da Deputación lembrou que esta oferta para compartir as oficinas do Palacete das Mendoza "comezou xa co anterior goberno da Deputación de Pontevedra" e con todo "a Xunta non fixo as cousas que debería facer" e a administración provincial "estivo un ano enteiro á espera" para coñecer os aspectos que desde a Xunta querían recollen no convenio.
Segundo informou Carmela Silva, a resposta da Xunta chegou "hai quince días e os nosos servizos xurídicos xa se puxeron a traballar de maneira inmediata".
Neste sentido a presidenta puxo en dúbida o interese da directora xeral de turismo en chegar a un acordo e pechar canto antes a reunificación, "eu xa o dubido, porque nas reunións todo son peros e atrasos na información por parte deles" e acusou a Nava Castro de "poñer o ventilador para ver se outros resultan culpables" cando a Xunta "nin sequera nos expuxo un modelo", polo que concluíu que "é falso todo o que expuxo a señora Nava Castro".
Finalmente, Carmela Silva cualificou de "terrible" e "aberrante" o modelo da Xunta de "non facer esforzos pola unificación" e engadiu "criticar este modelo é bastante infantil, pouco serio e rigoroso".
PLAN ESTRATÉXICO
A Deputación de Pontevedra aprobará este venres a redacción do plan estratéxico do destino Rías Baixas, que debe entregarse nun prazo de cinco meses.
Despois de recibir un total de 17 propostas valoradas pola mesa de contratación, foi a da firma Valora Consultores de Xestión S.L. a que obtivo unha maior puntuación. O importe total destinado pola Deputación de Pontevedra a este plan estratéxico é de 53.254,70 euros (25.395,3 euros menos que o importe inicial do plan, que estaba en 78.650 euros). A empresa adxudicataria levará a cabo o plan estratéxico de turismo nun prazo de cinco meses.
O Plan Estratéxico de Turismo ten como obxectivo favorecer a competitividade do sector en toda a provincia. Con este obxectivo, o goberno da Deputación de Pontevedra acaba de dar a coñecer a adxudicación do contrato para a redacción deste proxecto, peza chave para unha actividade considerada estratéxica nas Rías Baixas.
En concreto, segundo comentou Carmela Silva, este plan busca o impulso dunha oferta turística adaptada aos actuais modelos de negocio, con consumidores máis e mellor informados.
Relacionadas:
-
A Xunta pon en dúbida a unificación das oficinas turísticas da Deputación e o Concello no Palacete das Mendoza
Por Redacción |
-
Todos para unha e unha para todos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Palacete das Mendoza acolle a oficina municipal de información turística de Pontevedra
Por Luca Yohan Silva Lamy |