O PP da Deputación leva a contraria a Rajoy e apoia unha moción para que non se rebaixe o IVE ás corridas de touros
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Os deputados do Partido Popular na Deputación sorprenderon este venres 31 de marzo coa votación a favor da moción presentada polo Grupo Provincial Mixto (Coalición Electoral SON) na que se pedía o rexeitamento por parte do pleno provincial á rebaixa do IVE ao "armazón tauromáquico".
Os populares, sen facer uso da palabra, apoiaron a moción xusto o mesmo día e practicamente á mesma hora en que o goberno central, presidido por Mariano Rajoy, decidía en Consello de Ministros aprobar a baixada do IVE Cultural do 21% ao 10% para os 'espectáculos en vivo' entre os que se inclúen as corridas de touros. A sorprendente contradición non foi obxecto de críticas durante a sesión plenaria.
A plataforma Galicia, Mellor sen Touradas e a Asociación Animalista Libera iniciaran unha campaña baixo o lema #NonSeBaixa coa intención de levar aos plenos municipais e provinciais este rexeitamento á baixada do IVE aos espectáculos taurinos e todos aqueles que conteñan malos tratos animais. A Deputación de Pontevedra é a primeira administración pública en rexeitar a decisión do goberno de Mariano Rajoy, unha decisión que o goberno central inclúe nos Orzamentos Xerais para 2017.
A moción foi defendida polo deputado Xosé Lois Jácome ao que só respondeu o deputado socialista Carlos López Font, quen indicou que sería necesario que o IVE se rebaixase noutro tipo de actividades económicas que afectan a clubs deportivos ou directamente ao peto das familias como é o caso do gravame ao material escolar.
Nin os deputados do BNG nin do Partido Popular interviñeron neste punto durante a sesión plenaria e os integrantes da corporación apoiaron o punto por unanimidade.
Relacionadas:
-
Os abolicionistas lanzan unha ofensiva para impedir un tentadeiro en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva apoia a rebaixa do IVE que soportan os clubs deportivos de base
Por Oskar Viéitez |
-
RADIO.- Luís Aragunde: o do pleno foi un xesto, desde o PP apoiamos os touros, pero aínda hai necesidades que priorizar
Por Marisa Ciordia |
-
Piden que a Deputación se posicione contra a baixada do IVE dos touros
Por Oskar Viéitez |