Carmela Silva apoia a rebaixa do IVE que soportan os clubs deportivos de base
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou este martes os convenios de colaboración cos clubs ciclistas Super Froiz de Poio e o Rías Baixas de Nigrán nun acto no que mostrou o seu apoio á rebaixa do IVE que soportan os clubs deportivos de base.
A presidenta provincial destacou o traballo de moitos clubs na promoción do deporte entre os máis novos e subliñou a importancia que tería contar cun IVE reducido para estes equipos deportivos de base xa que permitiría que as achegas económicas que fan as administración fosen de maior cantidade e supoñerían, ao mesmo tempo, unha vantaxe para os equipos deportivos nos seus orzamentos cuns menores gastos.
Silva lembrou que o goberno de Mariano Rajoy aprobou unha rebaixa do IVE dos espectáculos dos touros do 21 ao 10 por cento, "cando sería moito máis apropiado que os clubs deportivos de base tivesen unha redución similar ".
CARLOS OROZA
Ademais a presidenta da Deputación de Pontevedra tamén asinou este martes no Pazo provincial con Manuel Hermo, director do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, un protocolo de colaboración para que o alumnado deste centro de formación poida colaborar nas accións de promoción turística que se fagan desde a institución provincial.