Piden que a Deputación se posicione contra a baixada do IVE dos touros
Por Oskar Viéitez
O deputado da coalición Son-Marea, Xosé Lois Jácome, ven de presentar unha moción para que a Deputación de Pontevedra inste o Goberno para que exclúa ás corridas de touros da anunciada rebaixa do IVE do 21 ao 10% para os espectáculos culturais en directo.
O ministro de Educación, Cultura e Deporte, Íñigo Méndez de Vigo, sinalou que a rebaixa do IVE cultural dalgúns espectáculos públicos sairá adiante porque forma parte do acordo de investidura entre o PP e Cidadáns.
Jácome di non comprender como a cidadanía pode estar a pagar o 21% do IVE en servizos básicos como a luz, a compra de material escolar ou nunha entrada de cinema mentres mantén taxas menores no pase para presenciar "a tortura sistemática e a morte sádica dun animal".
O deputado provincial considera que "se está actuando dunha maneira artificiosa e cun interese claro de favorecer as determinadas elites e grupos de presión, como é o caso da tauromaquia".
Mediante esta moción que leva ao pleno da Deputación de Pontevedra, Jácome quere propoñer varias medidas. Por unha banda, mostrar a posición contraria desta corporación á eventual baixada do IVE para a tauromaquia, instando o goberno central a non efectuar a citada rebaixa, e mantendo o tipo actual do 21%.
Tamén propón que se inste ao goberno para "continuar co proxecto acertado de rebaixa de IVE para a cultura e o seu sector, pero sempre incluíndo unha excepción para os espectáculos que conteñan malos tratos ou explotación animal".