Novo caso de violencia machista: detido por pegar á súa parella e encerrarse con ela na casa
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Axentes das policías Local e Nacional lograron deter na mañá deste luns un veciño de Pontevedra como presunto autor dun delito de violencia de xénero tras supostamente agredir á súa parella nun domicilio e, posteriormente, encerrarse con ela na vivenda a pesar da solicitude dos axentes de que lle abrisen a porta.
O detido ten 19 anos e antecedentes policiais por outros delitos diferentes á violencia de xénero. Segundo púidose constatar, causou á súa parella, de idade similar, lesións na zona da cara, tanto nos ollos como na boca.
Todo ocorreu pasadas as 11.00 horas da mañá deste luns na rúa A Estrada da cidade. A Policía recibiu unha alerta cidadá que refería que había unha persoa pedindo auxilio no interior dun piso, de modo que varias patrullas das policías Local e Nacional desprazáronse ao lugar. Unha vez alí, comprobaron que había unha parella encerrada nunha casa e que o home se negaba a abrir.
Ante esta situación, pediuse a colaboración do Corpo de Bombeiros de Pontevedra ante a previsión de que fora necesario entrar á forza na vivenda. Finalmente, non se precisou a súa intervención, pois o home respondeu as peticións policiais e abriu a porta.
O home foi detido pola Policía Nacional e trasladado á Comisaría Provincial da rúa Joaquín Costa mentres que a muller foi derivada ao centro de saúde da Parda para recibir asistencia sanitaria e verificar se presentaba algunha lesión.
Precisamente o pasado 5 de xaneiro a Policía Local tivo constancia dun caso similar noutro punto da cidade, cun home que pegou á súa parella diante dos seus fillos e logo impedíalle abrir a porta aos axentes.
Relacionadas:
-
A Policía Local prestou protección a máis de medio milleiro de mulleres na cidade
Por Oskar Viéitez |
-
Detido un home de 37 anos por un suposto delito de violencia de xénero
Por Oskar Viéitez |
-
Fouces celebra que os pontevedreses "xa non se queden á marxe" en casos de violencia machista
Por Alejandro Espiño |
-
Detido un home de 46 anos por agredir a súa ex parella nun bar da zona monumental
Por Redacción |
-
Detido un mozo por pegar á súa parella diante dos fillos, de curta idade
Por Redacción |