Fouces celebra que os pontevedreses "xa non se queden á marxe" en casos de violencia machista
Por Alejandro Espiño
En tan só dúas semanas -o tempo que levamos en 2017- a Policía Local de Pontevedra detivo catro homes por violencia machista e un quinto en colaboración coa Policía Nacional. E en todos eses casos repítese o mesmo patrón. A denuncia non procede da vítima senón dunha terceira persoa.
Cada vez son máis os amigos, familiares, veciños ou ata descoñecidos para a vítima ou o seu agresor os que denuncian casos de malos tratos. Esa tendencia foi detectada polos servizos sociais do Concello. Carmen Fouces asegura que este feito débese ás campañas de sensibilización que se realizan desde as institucións públicas.
A edil de Benestar Social explicou este martes, a preguntas dos xornalistas, que a lectura que arroxan estes casos é que a violencia machista "está aí" e non se produce nun "universo paralelo" onde só a detectan as mulleres.
Nestes cinco casos que manexou a Policía Local no que vai de ano, que se suman aos que atenden outras forzas e corpos de seguridade, "son terceiras persoas as que se fixeron partícipes da situación" e coas súas denuncias permitiron a detención dos agresores.
Fouces destacou que os pontevedreses "xa non se quedan á marxe como espectadores", o que permite que independentemente de que a vítima non denuncie ao seu maltratador ou o chegue a desculpar, estes homes acaben respondendo polos seus actos ante a xustiza.
"A cidadanía está a implicarse cada vez máis e iso é de agradecer", destacou a concelleira nacionalista, que recordou que toda a sociedade ten que ser "partícipe" da solución a esta lacra social e condenar enérxicamente todos os episodios de violencia machista que se produzan na súa contorna, sexan quen sexan os seus protagonistas.
Relacionadas:
-
Pontevedra alza a súa voz contra o "masacre" de mulleres asasinadas pola violencia machista
Por Alejandro Espiño |
-
Detido un home de 46 anos por agredir a súa ex parella nun bar da zona monumental
Por Redacción |
-
Novo caso de violencia machista: detido por pegar á súa parella e encerrarse con ela na casa
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Detido un mozo por pegar á súa parella diante dos fillos, de curta idade
Por Redacción |