Detido un home de 46 anos por agredir a súa ex parella nun bar da zona monumental
Por Redacción
46 anos ten o último detido en Pontevedra por violencia de xénero. Trátase dun home que, segundo testemuñas presenciais, agrediu á súa ex parella no interior dun local de copas do centro histórico, situado nas inmediacións do cruceiro das Cinco Rúas.
Axentes da Policía Local acudiron ao lugar dos feitos tras recibir unha chamada, ás tres da madrugada deste sábado 14 de xaneiro, dunha persoa que denunciaba presenciar esta agresión. De forma inmediata, desprazáronse varias patrullas.
Ao chegar, a vítima atopábase no exterior do local e estaba acompañada de varias persoas. Unha delas, a que chamara á policía, explicou que cando estaban no interior do establecemento, o home empuxou e golpeou violentamente á muller, dándolle ademais múltiples patadas.
Esta agresión provocou un altercado entre varios dos clientes do bar, que se interpuxeron entre a parella para evitar que o home seguise pegándoa. Ademais, as testemuñas aseguraron que antes desta agresión, a ex parella da muller mirábaa de forma desafiante e chegou a empuxala en varias ocasións.
Os axentes localizaron o agresor aínda no interior do bar e, tras identificalo, foi detido por un presunto delito de violencia de xénero e levado a dependencias policiais para a súa posta a disposición xudicial.
A Policía Local pon énfase na importancia da intervención cidadá na loita contra a violencia de xénero. "Non estamos fronte a un problema de parella senón fronte a un problema de todas e todos", aseguran nun comunicado.
Por iso, danlle as grazas ás persoas que alertan a Policía do que está a suceder o que lles permite intervir e mesmo interveñen dunha maneira directa para impedir as agresións. A solidariedade e a colaboración cidadá son determinantes, subliñan.
"Non estamos fronte a un problema de parella se non fronte a un problema de todas e todos"
As últímas detencións practicadas pola Policía Local de Pontevedra en relación coa violencia de xénero comparten un común denominador: os veciños, cando se producen en domicilios particulares, e os cidadáns en xeral cando se suceden en espazos públicos, actuaron, mostrando a crecente sensibilización e rexeitamento social respecto a este tipo de delitos.
Nos delitos de violencia doméstica e especialmente nos de violencia de xénero concorren circunstancias moi especiais: relacións afectivas, ambiente de medo, convivencia no mesmo domicilio... que deixa ás vítimas desprotexidas, nas mans do delincuente. Todo iso explica a dificultade que en moitísimos casos teñen as vítimas para denunciar e facer fronte por si mesmas a esta situación.
Relacionadas:
-
A Policía Local prestou protección a máis de medio milleiro de mulleres na cidade
Por Oskar Viéitez |
-
Detido un home de 37 anos por un suposto delito de violencia de xénero
Por Oskar Viéitez |
-
Tres mozos detidos, por segunda vez, tras ser sorprendidos roubando nun bar da zona vella
Por Oskar Viéitez |
-
Fouces celebra que os pontevedreses "xa non se queden á marxe" en casos de violencia machista
Por Alejandro Espiño |
-
Novo caso de violencia machista: detido por pegar á súa parella e encerrarse con ela na casa
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Detido un mozo por pegar á súa parella diante dos fillos, de curta idade
Por Redacción |
-
Un home de 48 anos, primeiro detido de 2017 por violencia de xénero en Pontevedra
Por Redacción |