Convocada unha folga en Secundaria contra a LOMCE e as reválidas
Por Oskar Viéitez
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público fixo un chamamento a toda comunidade escolar a participar o día 24 de novembro nunha xornada de folga en Secundaria convocada polo sindicato estudiantil Erguer.
Segundo explicaron este luns en rolda de prensa, trátase dunha xornada de loita na que esperan "baleirar as aulas", para manifestar así "o rexeitamento ás reválidas e á LOMCE".
Moraima Pérez, voceira de Erguer e estudante do Instituto Xunqueira I, denunciou que o alumnado de segundo de bacharelato descoñece aínda, a estas alturas de curso, en que van consistir as probas.
É unha situación de desconcerto na que tamén se atopa o profesorado, que non sabe para que tipo de exames ten que preparar o alumnado. A administración central ainda non dixo nada das características das probas, do seu deseño e contido e dos criterios de avaliación así como o número máximo e mínimo de preguntas e tipoloxía das mesmas.
Diante desta situación o portavoz da Plataforma Galega en defensa do Ensino Público, Xacobe Rodríguez, portavoz deste colectivo e da CIG-Ensino, posicionouse fronte á LOMCE e ás reválidas, que "converten a educación nunha mercadoría polo seu carácter competitivo, elitista, selectivo" e defendeu un sistema educativo que conciba a educación como "un dereito universal, baseado na igualdade de oportunidades e na gratuidade".
Igualmente a voceira comarcal do BNG, Eva Villaverde, reclamou ao Goberno do Estado que paralice as reválidas para a súa posterior derrogación xunto coa da LOMCE rematando coa "grave situación" na que se atopa o sistema educativo neste momento.
Ademáis da xornada de folga dos estudiantes de Secundaria para o día 24 de novembro está convocada en Pontevedra unha manifestación ás 12 da mañá e unha concentración na Praza da Peregrina as 19:00 horas.
Relacionadas:
-
Chaman a baleirar as aulas o 16 de febreiro para parar a LOMCE
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O alumnado móllase pola retirada da Lomce
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
O PSOE inicia unha campaña para a derrogación da LOMCE
Por Redacción |
-
Centos de persoas participan nas manifestacións contra a LOMCE e as reválidas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Alto seguimento da folga de estudantes contra as reválidas nos centros de Pontevedra
Por Redacción |
-
A comunidade escolar, convocada a saír á rúa contra as reválidas e a LOMCE
Por Redacción |