Chaman a baleirar as aulas o 16 de febreiro para parar a LOMCE
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O estudantado de ensino medio e universitario de Pontevedra, coma o de toda Galicia, está chamado á folga o vindeiro xoves 16 de febreiro e, ás 12.00 e as 19.00 horas, está convocado a sendas concentracións na Peregrina e en prazas de toda a comunidade.
A mobilización busca a derrogación da Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), pero tamén ir máis alá e evitar "pactos educativos fraudulentos" entre partidos que silencien á comunidade educativa e os recortes que afectan a este servizo fundamental.
Para chamar á mobilización e explicar os motivos da convocatoria, este venres compareceron no local da central sindical CIG en Pontevedra Moraima Pérez e Julián Gago en nome da asociación estudantil Erguer; Xacobe Rodríguez, secretario comarcal de CIG Ensino e representante da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público; e Demetrio Gomez en nome do BNG.
Segundo explicaron, a convocatoria de protesta parte de Erguer, pero apoiana os demais colectivos. Todos animan ao estudantado a deixar as aulas baleiras porque xuntos "podemos derrogar esta lei", da que Moraima Pérez critica que é "imposta" e "machista", "atenta contra a nosa lingua" e non se consensuou co profesorado, co alumnado e con outros actores do ensino.
A representante estudantil destaca que "non só chega con derrogala se nos venden un Pacto Educativo e non se derroga o 3 + 2" mentres Demetrio Gómez insiste no "carácter antidemocrático" da norma e critica que con ela "como durante o franquismo, está prohibido ensinar en galego determinadas materias".
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público chama á mobilización contra a que consideran unha "lei dos anos 70" e insiste en que, en contra da opinión xeralizada, a solución non foi eliminar as reválidas, senón que eles seguirán a manifestarse ata que se consiga a derrogación de toda a LOMCE.
Relacionadas:
-
A Plataforma Galega en defensa do Ensino Público agarda un apoio masivo á folga deste xoves 9
Por Anxo Lourido |
-
Uns 600 alumnos de Secundaria maniféstanse en Pontevedra contra a LOMCE
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A CIG sae á rúa para reclamar dereitos laborais e sociais perdidos coa crise
Por Redacción |
-
O alumnado móllase pola retirada da Lomce
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Convocada unha folga en Secundaria contra a LOMCE e as reválidas
Por Oskar Viéitez |
-
Centos de persoas participan nas manifestacións contra a LOMCE e as reválidas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Alto seguimento da folga de estudantes contra as reválidas nos centros de Pontevedra
Por Redacción |