A xunta de goberno local de Sanxenxo aproba o orzamento municipal
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno de Sanxenxo aprobou este venres o orzamento municipal para 2016, sendo o seguinte paso a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, momento desde o que se iniciará un período de exposición pública de 15 días hábiles.
As posibles alegacións que se poidan presentar ao documento económico serán resoltas nunha nova xunta de goberno polo que a principios do mes de xullo o orzamento para este exercicio estará operativo.
O orzamento para 2016 ascende a 22.761.734 euros e, segundo o goberno local "está orientado a correxir unha situación económica negativa", na que este Concello leva sumido varias anualidades.
A principal característica que o tripartito destaca deste orzamento é que permite ao Concello "recuperar ao goberno a súa capacidade investidora", dotándoo dunha partida superior ao millón de euros para este fin e que aparece desagregada en plans anuais e outros investimentos cuatrinales.
Desde o grupo municipal do Partido Popular, o seu portavoz Telmo Martín, reprochou ao goberno local a súa xestión á fronte do concello cualificando á vez que levan de mandato como un "ano perdido".
Telmo Martín lembrou que os oito edís populares "representamos ao 41% dos veciños de Sanxenxo", polo que critica que o goberno local non contase con eles para a elaboración das contas municipais advertindo que "ao final estas cousas páganse".
Finalmente convidou o alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita a "reflexionar profundamente" e a "abandonar a súa prepotencia" tendendo a man do PP para "axudar e colaborar".
Relacionadas:
-
O goberno local de Sanxenxo desestima as alegacións de Comisións Obreiras ao orzamento
Por Redacción |
-
O tripartito asegura que o rexeitamento ao orzamento municipal non afectará os veciños
Por Redacción |
-
Pleno axitado en Sanxenxo onde Roberto Agís apoia o PP e bota abaixo o orzamento
Por Redacción |
-
O PP séntese desprezado polo tripartito na tramitación do orzamento
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo presenta un orzamento de 22 millóns de euros
Por Redacción |