O tripartito asegura que o rexeitamento ao orzamento municipal non afectará os veciños
Por Redacción
O convulso pleno da corporación municipal de Sanxenxo, na que non se puido aprobar o orzamento municipal polo voto en contra do PP e do concelleiro non adscrito Roberto Carlos Agís, segue coleando. Agora é o tripartito o que carga contra a oposición polas súas actitudes "populistas, incoherentes e irresponsables" e avanzan que aprobarán as contas na comisión de goberno do venres.
Este trámite, sinalan desde o Concello, está contemplado pola lexislación para garantir a estabilidade económica, e permitirá dispoñer das partidas necesarias para levar a cabo as políticas sociais, ambientais, de infraestruturas e servizos "que son prioritarias para os veciños".
Así, sinalan que o bloqueo das contas "non afectará os veciños de Sanxenxo", aínda que o tripartito non oculta a súa sorpresa pola concordancia de argumentos entre os populares e o e xedil de Sanxenxo Pode, ata hai unhas semanas, membro do propio goberno municipal.
Respecto dos argumentos esgrimidos durante a sesión plenaria polo Partido Popular, ao goberno local resúltalle sorprendente que un exedil de Economía como Marcos Guisasola "descoñeza que o 95% do orzamento sexan partidas comprometidas para gastos de persoal e servizos básicos e concesionados", tendo só que analizar a distribución anual para investimentos nas diferentes partidas e os plans directores.
"Ten a desfachatez de dicir que tivo que ler 1.000 folios en 48 horas, cando o reparto dos investimentos está resumido a tan só 16 páxinas", sinalan desde o Concello, que entenden que o PP "a pesar de recoñecer que estaban dacordo co fondo do orzamento, demostraron que non hai nin vontade nin posibilidade de chegar a consenso algún".
Durante a última lexislatura, e con Marcos Guisasola como concelleiro de Economía, o orzamento prorrogouse durante dúas anualidades e nas outras dúas aprobouse no mes de xuño, e tras a celebración dunha única comisión informativa. "Entón eses prazos parecíanlle axeitados. Agora non, agora son a única escusa que atoparon para non apoialos", apuntan.
Desde o goberno local explican que levar a aprobación o orzamento no pleno do mes de maio "non foi unha decisión caprichosa". O documento non puido elaborarse ata comprobar que as condicións de equilibrio de tesourería así o permitían e non pode demorarse máis xa que está condicionado á solicitude de participación nun plan de aforro enerxético de carácter europeo que debe tramitarse ao longo do mes de xuño.
No caso de Roberto Carlos Agís, como el mesmo recoñeceu no pleno, mantivo ata tres reunións co goberno local nas que se debullaron os orzamentos, nos que se inclúen iniciativas incluídas no pacto que no seu momento propiciou a formación dun goberno cuadripartito do que Roberto Carlos Agís formou parte.
Relacionadas:
-
A xunta de goberno local de Sanxenxo aproba o orzamento municipal
Por Oskar Viéitez |
-
Pleno axitado en Sanxenxo onde Roberto Agís apoia o PP e bota abaixo o orzamento
Por Redacción |
-
O PP séntese desprezado polo tripartito na tramitación do orzamento
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo presenta un orzamento de 22 millóns de euros
Por Redacción |