O PP séntese desprezado polo tripartito na tramitación do orzamento
Por Oskar Viéitez
O Partido Popular de Sanxenxo denunciou o "desprezo" co que o goberno local está a tratar á oposición e os funcionarios do concello na tramitación do orzamento.
Critican que "despois de atrasar o orzamento durante moitos meses", agora ao goberno tripartito "éntranlle présas" e pretende "reducir a súa tramitación a cinco días" polo que interpretan que están a tratar á oposición "coma se fósemos un convidado de pedra".
Para mostrar o seu malestar, o Partido Popular decidiu abandonar a Comisión de Economía, "porque non estamos dispostos a participar nunha tramitación exprés nin nunha farsa" xa que entenden que en tan pouco tempo "non se pode analizar un documento tan extenso e relevante como é un orzamento, nin sequera propoñer emendas".
PARTIDA RESERVADA PARA A RÚA PROGRESO
O orzamento que o goberno local levará o luns a pleno inclúe un Plan Anual de Tarefas de Planificación dotado con 130.000 euros, así como tres plans directores en materia de infraestruturas, dotados cada un deles con 70.000 euros, sumando un total de 340.000 euros.
Unha das actuacións que levará a cabo desde a Concellería de Urbanismo e Infraestruturas, que dirixe Daniel Fernández, é o anteproxecto de reforma da rúa Progreso que incluirá a renovación dos servizos e a humanización de todo o tramo urbano.
A segunda actuación ten que ver co porto de Portonovo, onde o goberno local pretende realizar unha reordenación ao longo desta lexislatura, iniciativa que xa plasmou nun bosquexo que trasladou a Portos de Galicia.
Este Plan Anual de Tarefas de Planificacion inclúe tamén a redacción dunha modificación puntual do PXOM, que permitirá dar cumprimento a unha sentenza xudicial que obriga á adaptación do plan urbanístico vixente.