Un curso de prazo para intentar evitar o peche do Centro de educación infantil Campelo
Por Anxo Lourido
As nais e pais dos alumnos do Centro educativo infantil (CEI) Campelo mantéñense en loita a través dunha campaña de protestas para intentar evitar o peche desta escola situada na Praza da Granxa. Quédalles un ano para logralo. O próximo curso só entrará en funcionamento unha unidade educativa para 16 nenos de catro, cinco e seis anos coa intención de que ao remate dese curso cese a actividade porque a Xunta non manterá o concerto ao entender que hai prazas das mesmas características en centros públicos. Esta escola concertada depende de Afundación, dende onde se sinala que a partir de 2010 se viron moi reducidas as matrículas. Das 75 prazas que se ofertaban só cubríronse 25 en 2015.
As nais afectadas mantiveron reunións con representantes de Afundación e co xefe territorial de Educación, César Pérez, ao longo dos últimos meses, para evitar que cese o concerto. Mesmo levaron a cabo actos de protesta ante o centro e iniciaron unha recollida de firmas, tanto presenciais como a través da páxina Change, sumando máis de 3.000 apoios. A pesar destas iniciativas, polo momento non obtiveron resultados satisfactorios e manifestan que o que non queren é que lles pechen o centro "de golpe e porrazo" no que traballan cinco empregados, segundo os datos ofrecidos por Afundación, catro educadores e unha cociñeira.
A Xunta decidiu que os 9 nenos de 3 e 4 anos matriculados nesta gardaría fosen escolarizados noutros centros públicos para reducir o concerto a unha soa unidade. A CEI Campelo leva funcionando dende 1978 e dende 2006 converteuse nun centro concertado coa Xunta de Galicia. Entre outras características, o espazo conta con comedor propio, cunha horta e aplica o PlanMadruga. Estas ofertas diferencian este centro doutros de Poio. De feito, a concellaría de Educación intentou implantar o sistema de comedor no centro da Seca sen éxito.
As nais, encabezadas por Sonia Montero, indican que antes había lista de espera para entrar neste centro ata o punto de que familias de Pontevedra se empadroaban en Poio para poder matricular aos seus fillos na escola. Non obstante, agora a demanda reduciuse ao non existir educación primaria e os pais teñen medo a que, despois, os nenos non poidan acceder ao colexio de Primaria en que desexan matricularse.
Dende Afundación sinalan que a única solución para o centro sería a aparición dun operador que xestione o centro a partir de 2016-17. A oferta encóntrase aberta e esperan que as empresas interesadas realicen estudos de mercado para poder manter a actividade. Non obstante, as nais afirman que o delegado de Educación, César Pérez, lles apuntou que por parte de Afundación había escaso interese no centro.
As 34 familias afectadas alertan de que aumentarán os seus actos de protesta co obxectivo de que a CEI Campelo poida continuar acollendo escolares. E aproveitando a relación entre Afundación e Abanca, os afectados teñen previsto cancelar as súas contas nesta entidade bancaria e xa contan co apoio tamén das mariscadoras da zona e mesmo, segundo manifesta Sonia Montero, estudan que a lonxa de Campelo deixe de operar a través de Abanca.
Este venres 19 entregaron sinaturas a través dun correo interno e unha carta aberta en nome da asociación ao presidente e ao xerente de Afundación e ao presidente de Abanca reclamando a continuidade da escola.
Relacionadas:
-
O centro de educación infantil de Campelo evita o peche
Por Redacción |
-
Preocupación en Samieira ante o posible peche da súa escola infantil
Por Redacción |
-
Preocupación no colexio Barcelos pola eliminación dunha clase de Infantil
Por Redacción |
-
AGE culpa o PP de permitir o peche da escola infantil de Campelo, que pertence á Fundación de Abanca
Por Redacción |