Preocupación no colexio Barcelos pola eliminación dunha clase de Infantil
Por Redacción
O CEIP de Barcelos quedarase sen unha das dúas clases de Infantil, que ata agora viña funcionando destinada a nenos de tres anos, no arranque do curso 2015-16 ante a preocupación dos pais e nais de alumnos deste centro educativo que se temen un desmantelamento deste colexio.
Os afectados sinalan que a xubilación dunha das profesoras de Infantil non vai ser cuberta por parte da Consellería de Educación e desta forma deixan tamén os alumnos de catro anos sen profesora de apoio. Sospeitan, ademais, que o grupo co paso do tempo remate desaparecendo. Ademais, os pais sinalan que dende a Xunta non se está a levar a cabo unha repartición equitativa dos escolares entre os distintos centros da cidade.
Desta forma indican que mentres no Vidal Portela hai 25 prazas cubertas ou no Álvarez Limeses se chega a 30 alumnos, en Barcelos só se matricularon 9 menores debido a que a este centro se encontra adscrito ao casco histórico onde o índice de natalidade é moi baixo. Por este motivo, Sonia Canay, portavoz dos pais, reclama unha repartición máis xusta do mapa escolar ao entender que unha clase con 25 alumnos desas idades non é operativa.
O xefe provincial de Educación, César Pérez indica que con só 9 nenos non se pode manter esa aula e que a súa supresión só se debe á falta de solicitudes dos pais e non á xubilación dunha profesora. En canto á repartición equitativa a través dunha reorganización da asignación de zonas, Pérez Ares indica que a un pai non se pode obrigar a pedir un colexio ou outro e sinala que salvo o Álvarez Limeses, o Crespo Rivas, o de Cabanas e o Vilaverde de Mourente, todos os demais contan con prazas para acoller nenos de tres anos.
Pola súa banda, a concelleira de Educación, Carmen Fouces, tras manter unha reunión cos pais e nais afectados apuntou que este colexio pode desconxestionar a outras escolas e que ao encontrarse nunha zona céntrica cumpre con todos os ideais do Concello para desenvolver os camiños escolares e ser un colexio de referencia na cidade. "A miña valoración é que é un desmantelamento premeditado, seguro e constante do ensino público. Tamén lle dixen aos de Barcelos que non eran os únicos", sinalou a concelleira ao indicar que conta con varias citas nos próximos días con ANPAS de centros que sofren problemáticas similares.
Os afectados intentarán meter presión ante a Consellería de Educación. Este martes 30, o centro escolar celebrará un consello escolar no que se tratará este tema. E o día 2 está prevista a comisión de escolarización para que os nenos que se teñan quedado fóra da primeira solicitude pasen á súa segunda opción seleccionada. Desta forma, dende a Inspección educativa indícase que é posible que se cubra, deste xeito, unha das dúas clases de Barcelos con 25 nenos de 3 anos.
O xefe territorial de Educación, César Pérez, alerta á concelleira Carmen Fouces que non se poden confundir as liñas coas unidades e apunta a que non se vai suprimir ningunha liña, só aquelas clases nas que non haxa suficientes matrículas. Deste xeito, Pérez afirma que no colexio de Cabanas aumentará unha clase de primaria e en Campañó de infantil no vindeiro curso debido ao incremento de solicitudes para estes centros.
Relacionadas:
-
Co novo mapa educativo, só tres centros de Pontevedra tiveron máis demanda de prazas da súa capacidade
Por Redacción |
-
O colexio de Barcelos recuperará a segunda clase de Infantil ao aumentar as solicitudes de prazas
Por Redacción |
-
Protesta de pais de Barcelos: "Coa cuarta parte do que gastan en conselleiros, teríamos arreglado o problema"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Os pais do Colexio de Barcelos piden que se revise o mapa escolar
Por Redacción |
-
A ANPA de Barcelos pide que se convoque ao Consello Escolar tras a eliminación dunha clase de Infantil
Por Diego Espiño | Creada e actualizada
-
O CEIP Barcelos contará o vindeiro curso con 20 alumnos de 3 anos
Por Redacción |
-
Un curso de prazo para intentar evitar o peche do Centro de educación infantil Campelo
Por Anxo Lourido |