Preocupación en Samieira ante o posible peche da súa escola infantil
Por Redacción
Os primeiros alumnos da escola infantil de Samieira cruzaron a súa porta hai case 130 anos. Son moitas as xeracións de veciños que pasaron parte da súa nenez nela. Pero se ninguén o remedia, o próximo curso pechará definitivamente. Así o recolle o diario Samieira Dixital, que alerta de que a Consellería de Educación incluíu este centro, que alberga escolares de entre 3 e 6 anos, na lista dos que previsiblemente non seguirán en funcionamento.
A escola de Tarrío terá que pechar se non consegue o mínimo de seis alumnos matriculados para o próximo curso -diversas fontes apuntan que, polo de agora, habería só tres-, a barreira que marca a Xunta de Galicia para que este tipo de centros educativos poidan seguir abertos.
Este argumento recibe cada ano a oposición e crítica do profesorado, pais, nais e outros colectivos por reducir a oferta aos grandes centros, fomentar a concentración do alumnado e empregar a mesma dotación de recursos con escasos aportes económicos.
A creación da escola infantil de Samieira acordouse no ano 1886 para dar servizo a dúas parroquias de Poio, Samieira e Raxó. O edificio mudou para adaptarse aos tempos pero a súa función de centro específico para os primeiros anos de escolarización mantívose. Durante o seu longo percorrido como centro escolar foi escola elemental, escola unitaria de nenas, centro de preescolar e actualmente escola de ensino infantil.
O futuro desta escola de Samieira coñecerase nos próximos días.
OUTROS PECHES EN POIO
O concello de Poio ven padecendo nos últimos anos unha redución na súa oferta educativa pública para os primeiros anos de ensino. Xunto co posible peche da escola de Samieira están as perdas máis recentes da escola do Pereiro (Combarro) e da escola de Albar (San Xoán) no curso pasado. Igualmente difícil é a situación que atravesa o colexio concertado de Campelo, que tamén corre risco de pechar no prazo dun ano.
Relacionadas:
-
A Xunta confirma que a escola unitaria de Samieira pechará o vindeiro curso
Por Redacción |
-
A contorna de Pontevedra sumará 53 prazas para menores de 3 anos a través de centros concertados a partir de setembro
Por Redacción |
-
AGE culpa o PP de permitir o peche da escola infantil de Campelo, que pertence á Fundación de Abanca
Por Redacción |
-
Un curso de prazo para intentar evitar o peche do Centro de educación infantil Campelo
Por Anxo Lourido |