O centro de educación infantil de Campelo evita o peche
Por Redacción
A pesar de que leva semanas na corda frouxa, o Centro educativo infantil (CEI) de Campelo librarase finalmente do peche. A Fundación Galicia Obra Social (Afundación), que xestiona a escola de Poio, asinou un convenio coa empresa OMNIA Innovación e Xestión Educativa polo que esta entidade se encargará de desenvolver o proxecto educativo do centro a partir do próximo curso 2015-2016.
Segundo deu a coñecer a Afundación, os peores temores dos pais de alumnos do centro non se cumprirán. O novo responsable da xestión do centro ofertará o próximo curso prazas para alumnos de 4 a 6 anos e manterá os mesmos servizos de horario ampliado e comedor que ata agora. A maiores, a partir do curso académico 2016-2017, OMNIA ten a intención de incluír na súa oferta educativa prazas de 0 a 6 anos.
Este convenio é froito do compromiso adquirido por Afundación e a Xunta de Galicia de manter o concerto educativo dunha unidade en condicións similares de servizo. Con este acordo, Afundación presume de que "facilita a incorporación dun operador especializado que permita garantir un proxecto de futuro para este centro".
OMNIA Innovación e Xestión Educativa xestiona o colexio San Narciso de Marín, un centro fundado en 1926, que ten actualmente 700 alumnos e que cumprirá o próximo curso 90 anos de historia. OMNIA dirixe, así mesmo, a Escola Infantil San Narciso de Monforte, anteriormente xestionada por Afundación.