Marcón clausura a operación bikini coa festa da fabada
Por Oskar Viéitez
A novena edición da Festa da Fabada de Marcón poñerá fin este venres á operación bikini. Ou polo menos servirá para facer unha paréntese.
Unha gran carpa instalada no campo do Carrasco acollerá esta cita gastronómica organizada polo Marcón Atlético como iniciativa para recadar fondos, segundo explicaron este mércores nunha rolda de prensa no Concello de Pontevedra, xunto ao concelleiro Demetrio Gómez.
O cociñeiro Roberto García será o encargado de cociñar os máis de cen quilos de fabas para que estea todo listo a partir das 12:30 horas. No seu currículo o cociñeiro xa conta co record da preparación da cazola de callos máis grande do mundo, da que se serviron cinco mil racións.
O encargado de ler o pregón será o locutor da Radio Galega, Carlos Jiménez.
Na última edición despacháronse máis de seiscentas racións de fabada, "este ano precisamos darlle un último empurronciño ao Marcón", sinalou Amador Cabaleiro, recordando que aínda están a pelexar pola permanencia na rexional preferente.
Ademais do atractivo culinario, a festa estará amenizada por actuacións musicais.