Valioso empate do Marcón para colocarse líder e táboas tamén para Pontevedra B
Por Redacción
A estas alturas da tempada e cunha loita tan apertada polos postos de ascenso na Primeira Rexional, calquera punto pode ser decisivo, como o conseguido polo Marcón Atlético no Carrasco ante a Gran Peña (1-1).
Aínda que pode saber a pouco o empate aos pontevedreses, válelles para ascender ao liderado con 53 puntos, aproveitando o tropezo do Campo Lameiro, que queda con 52 do mesmo xeito que Beluso e Amanecer nunha encarnizada loita polas primeiras posicións.
Ante a Gran Peña os de Luís Oliveira puxéronse por diante grazas a un penalti transformado por Berto aos 15 minutos.
Parecía encamiñado o choque, pero xusto despois do descanso Freire lograba o empate. Tras o gol o Marcón tentouno sen éxito e tivo que conformarse co empate.
Consulta a acta do Marcón Atlético-Gran Peña.
Repartición de puntos tamén no encontro do Pontevedra B, que rendía visita a un rival directo, o Mos (0-0).
Unha vitoria tería permitido ao filial granate escalar posicións e adiantar ao seu rival na táboa, escapando así da posible zona de arrastres polos descensos, pero os de Tonete non tiveron fortuna ante a meta contraria.
Co empate sen goles o Pontevedra B queda na décimo cuarta praza con 31 puntos.