Xornada redonda para o Marcón e triunfo vital do Pontevedra B
Por Ramiro Espiño
Con Amador Cabaleiro no banco como novo técnico, o Marcón goleou a un frouxo San Miguel e aproveitouse das picadas dos seus tres directos rivais para recuperar o liderado a falta de catro xornadas para a conclusión da liga.
Foi unha tarde redonda para o equipo pontevedrés, que vía como o Beluso tropezaba no seu campo fronte ao Juventud de Cambados (1-3), Amanecer tamén caía fronte ao Juvenil de Ponteareas (1-2), mentres Campo Lameiro non pasaba do empate (0-0) tamén como local, fronte a un San Martín que loita por non descender.
O Marcón, a diferenza dos seus tres rivais, non deu opción á sorpresa. Dominando o partido de punta a cabo, en pouco máis de media hora sentenciaron o resultado, abrindo o marcador moi pronto, aos 4 minutos, ao transformar Sapi un claro penalti cometido sobre Gelillo, que foi un pesadelo para os visitantes durante toda a tarde.
Martín López facía o segundo ao aproveitar unha boa contra iniciada pola banda esquerda, aos 22 minutos, e Marcos subía o 3-0 ao marcador no minuto 35. Aínda puido o Marcón facer máis goles, fronte a un San Miguel incapaz de tirar unha soa vez a porta con perigo en todo o primeiro tempo.
Na segunda parte os locais saíron relaxados e San Miguel recortaba distancias no seu primeiro disparo, que en realidade foi un despexe desde o centro do campo a cargo de Jorge Giráldez, que sorprendeu adiantado a Álvaro.
O gol encaixado fixo reaccionar ao Marcón, que de novo fíxose co control do partido e sentenciou con outro penalti transformado por Sapi e un quinto gol conseguido dun gran disparo de Gelillo desde a frontal da área, que entrou xunto ao poste, para pechar un resultado que puido ser bastante máis amplo.
Consulta aquí o acta do partido Marcón-San Miguel.
Tres puntos de ouro os conseguidos polo Pontevedra B na súa visita ao campo da Madroa, onde o Candeán esperaba poder asegurarse a permanencia e atopouse cun filial granate que lle mete en problemas, na mesma medida que suma a súa cuarta xornada sen perder.
Os granates sacaron petróleo do gol conseguido por Fernando Lezcano, pouco antes do descanso, para logo defender o resultado con orde e acerto ata conseguir unha vitoria vital na loita pola permanencia.
Relacionadas:
-
Remontada en inferioridade do Marcón para manter o liderado e vitoria importante para o Pontevedra B
Por Redacción |
-
Cambio por sorpresa no banco do Marcón Atlético
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra B e Marcón empatan nun final de partido tolo (2-2)
Por Redacción |
-
Valioso empate do Marcón para colocarse líder e táboas tamén para Pontevedra B
Por Redacción |