Goleada do Marcón en Ponteareas para confirmarse en postos de ascenso e importante vitoria do Pontevedra B
Por Redacción
Paso á fronte do Marcón Atlético na encarnizada loita polos postos de ascenso a Preferente, despois de golear a domicilio ao Juvenil Ponteareas (0-4).
Os pontevedreses consolídanse na segunda posición con 52 puntos, empatados na cabeza co Campo Lameiro e con tres puntos de vantaxe sobre os seus perseguidores.
Os de Luís Oliveira protagonizaron en Ponteareas un encontro sólido, no que mostraron a súa pegada xa na primeira metade cun tanto de Pablo aos 10 minutos e outro de Sapi no 19.
Tras o descanso o propio Sapi primeiro e Arturo, xa no último minuto, encargáronse de deixar sentenciado o encontro.
Consulta aquí a acta do Xuvenil Ponteareas-Marcón Atlético.
Importante vitoria a conseguida polo Pontevedra B ante un dos equipos que chegaban empatados a puntos no liderado, o Beluso (2-1).
O filial granate recupera impulso na pelexa pola permanencia na categoría, deixa atrás tres derrotas consecutivas e colócase na décimo cuarta posición con 30 puntos.
Despois dunha disputada primeira metade, na que non houbo goles, o Pontevedra adiantouse cun gol Abrahan no 53 que pouco despois encargouse de confirmar Christofer no 69 co 2-0 desde o punto de penalti. O Beluso recortou distancias no 83, pero quedou sen tempo sen que puidera, polo menos, salvar un punto.