Golea o Arosa, derrota con polémica do Villalonga en San Pedro, Ribadumia empata a domicilio e cae o Céltiga
Por Redacción
Escapóuselle ao Villalonga un partido que tiña gañado con dous goles de vantaxe, pero que cedeu no desconto fronte a un necesitado Choco, tras quedar con dous homes menos nunha rifa que custou as expulsións de Bisti e Rubén Cerqueiras.
Tras unha primeira parte igualada, pero con escasas ocasións, os de Antonio poñíanse por diante no segundo tempo con dous goles de Aarón Paredes.
O partido parecía perfectamente encarrilado. O Choco non xerara perigo, pero atopou a solución nas accións a balón parado, conseguindo empatar tras senllos corners lanzados por Gabi Misa e rematados por Yago Vázquez e Javi.
A polémica chegaba a falta de tres minutos para os 90 regulamentarios. Unha dura entrada do visitante Óscar Pérez provoca un tumulto do que resultan expulsados os locais Bisti, con vermella directa e Rubén Cerqueiras, con dobre amarela.
Da superioridade numérica sacou petroléo o equipo de Redondela, que no minuto 93 completaba a remontada logrando a victora cun disparo de Silva, aproveitando un balón morto na frontal da área.
Consulta aquí o acta do partido Villalonga-Choco.
Fixo sufrir un bo Céltiga ao Compostela en San Lázaro. Os da Illa loitaron e crearon oportunidades para mellor resultado, pero cederon moi ao final cando o equipo branquiazul sentenciou o partido ao fío do tempo regulamentario.
Recoba, Mon e Diego Rey foron os autores dos goles locais, o primeiro deles nada máis comezar o partido, aos dous minutos, o que condicionaba o resto do partido.
A pesar da vantaxe local, o Céltiga non se descompuxo e apenas concedeu ocasións, ata que Mon aproveitaba un balón solto na área, tras un corner, para conseguir o segundo tanto. Pero os insulares reaccionaban meténdose no partido xusto antes do descanso cando Castro caía na área, agarrado por un defensor local e o árbitro sinalaba penalti que transformaba Paco.
Na segunda parte o Céltiga obrigou a atrasar liñas aos de Yago Iglesias, que fiaron a súa sorte á defensa e a buscar algunha contra que lles permitise sentenciar o partido. Conseguírono case no desconto, non sen que antes Machu puidese empatar cun remate que acabou no traveseiro. Diego Rey acabaría coas esperanzas visitantes cun remate raso.
Consulta aquí o acta do partido Compostela-Céltiga.
Non puido o Ribadumia manter a súa vantaxe nas Eiroas fronte a un sempre complicado Bergantiños. Os goles chegaban na primeira metade. Changui adiantaba aos da Senra ao transformar un penalti, pero os de Carballo lograban empatar por medio de Aarón.
Na segunda parte ambos os equipos tiveron algunhas oportunidades, pero o marcador xa non se movería, terminando nunha repartición de puntos que deixa a ambos os equipos na zona tépeda da táboa.
Consulta aquí o acta do partido Bergantiños-Ribadumia.
Non foi un bo partido do Arosa e con todo terminou goleando a un Negreira na recta final tras verse obrigando a remontar o gol inicial dos coruñeses. Os de Jorge Otero esta vez tiveron a efectividade que lles faltou en anteriores ocasións, a pesar de fallar un penalti lanzado por Sylla, logrando dar a volta ao marcador na segunda parte, facilitada o súa labor pola expulsión do visitante Ángelo no minuto 75.
O partido comezou movido, con Eloy rematando ao traveseiro no primeiro minuto e Stefan adiantando aos visitantes aos sete minutos. Manu Justo empataba aos doce, para irse ao descanso co marcador igualado.
Pouco despois da continuación, o Arosa atopaba a solución á súa falta de remate no acerto dos seus centrais, incorporados ao ataque nas xogadas a balón parado. Primeiro foi Aitor Díaz quen rematou un corner lanzado por Julio Rey. Logo foi o propio Julio Rey quen ampliaba a renda cun remate desde a frontal e tras fallar Sylla un penalti que lle detivo Mario, no desconto Rivas remataba de cabeza un centro de Suso.
Consulta aquí o acta do partido Arosa-Negreira.
Relacionadas:
-
Gañan con autoridade Arosa e Villalonga, bo empate do Ribadumia e derrota dun Céltiga que se complica
Por Redacción |
-
O Arosa completa o seu plantel coa fichaxe do dianteiro Fran Monroy
Por Redacción |
-
Empatan Arosa a domicilio e Ribadumia na Senra e cae o Céltiga no Salvador Otero
Por Redacción |
-
Un apagamento e un minuto fatídico non desconto cústalle a derrota ao Villalonga en Cerceda (2-0)
Por Redacción |
-
O Villalonga faise forte fronte aos grandes, importante triunfo do Céltiga e derrotas de Arosa e Ribadumia
Por Redacción |
-
Pleno de triunfos para Arosa, Villalonga, Ribadumia e Céltiga
Por Redacción |
-
O Arosa frea a medias ao Bouzas, mal partido do Ribadumia, mentres Villalonga e Céltiga gañan a domicilio
Por Redacción |