Gañan con autoridade Arosa e Villalonga, bo empate do Ribadumia e derrota dun Céltiga que se complica
Por Redacción
Era un partido clave e gañouno o Arosa. Un gol de Sylla e dous de Julio Rey deron boa conta do Deportivo B. Un resultado que ademais de achegar aos de Jorge Otero aos postos de play-off, permítelles gañar o golaverage particular ao equipo herculino.
Non había máis opcións, as posibilidades arosistas de aspirar ao ascenso pasaban en gran medida por derrotar ao filial deportivista, pero aos arlequinados, lonxe de pesarlles a responsabilidade motivoulles, aínda que a resolución do partido fíxose esperar ata a segunda parte.
Os nervios comezaron a soltarse cando Sylla abría o marcador case na primeira xogada do segundo tempo. Logo Julio Rey sería o protagonista, primeiro ao transformar un penalti (minuto 56) e logo sentenciado o partido co terceiro gol aos 67 minutos.
Co tempo case cumprido, Álex Corredera maquillaba lixeiramente o resultado co único gol deportivista.
Consulta aquí o acta do partido Arosa-Deportivo B.
Javi Pazos foi o gran protagonista na vitoria Villalonga sobre o Negreira. O dianteiro de Marín conseguiu os tres goles do seu equipo, para confirmar aos de Antonio como o equipo revelación da tempada, asentado na zona alta da táboa.
Comezo eléctrico en San Pedro, con tres goles en apenas cinco minutos (do 14 ao 19 de partido). Javi Pazos abría o marcador aos 14 minutos. Chiño conseguía empatar tres minutos máis tarde, pero de novo Javi Pazos adiantaba aos propietarios do terreo antes de que se cumprisen os 20 primeiros minutos de xogo.
Logo houbo opcións para ambos os equipos, nun partido aberto, que sentenciou Javi Pazos a falta de cinco minutos, co terceiro gol.
Consulta aquí o acta do partido Villalonga-Negreira.
Meritorio empate do Ribadumia no sempre complicado campo de Calabagueiros. Os do Salnés adiantáronse pronto, cun gol de Agus aos oito minutos de xogo e logo defendéronse con orde, aínda que sen poder sentenciar o marcador.
Non sería ata a recta final cando o Barco lograba empatar. fíxoo a falta de sete minutos para o final, grazas a un penalti sinalado polo colexiado, que transformou Rubén García.
Consulta aquí o acta do partido Barco-Ribadumia.
Bastou un gol ao comezo da segunda metade para que o Silva derrotase ao Céltiga, resultado que volve meter aos da Illa en problemas, ao producirse fronte a un rival directo pola permanencia como o equipo coruñés, que ademais de escaparse con seis puntos de marxe, anótase tamén o golaverage particular.
Foi un bonito tanto de Miguel Real, que fixo xustiza ao dominio que exerceron os de Javier Bardanca, quen dispuxo das mellores ocasións de gol, a pesar do cal terminaron sufrindo nos últimos minutos, tras ser expulsado Larusso.
Consulta aquí o acta do partido Silva-Céltiga.
Relacionadas:
-
Fran Fandiño decide para o Ribadumia ante a falta de puntería do Villalonga (1-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Tropeza o Arosa que perde a Monroy con fractura de clavícula e o Céltiga aproveita a visita do pechacancelas
Por Redacción |
-
O Arosa supera ao Céltiga, triunfo dun bo Ribadumia e derrota na casa do Villalonga
Por Redacción |
-
Changui decide un emocionante partido entre Ribadumia e Arosa e o Villalonga empata sen goles
Por Redacción |
-
Empatan Arosa a domicilio e Ribadumia na Senra e cae o Céltiga no Salvador Otero
Por Redacción |
-
Un apagamento e un minuto fatídico non desconto cústalle a derrota ao Villalonga en Cerceda (2-0)
Por Redacción |
-
Golea o Arosa, derrota con polémica do Villalonga en San Pedro, Ribadumia empata a domicilio e cae o Céltiga
Por Redacción |