O Arosa frea a medias ao Bouzas, mal partido do Ribadumia, mentres Villalonga e Céltiga gañan a domicilio
Por Redacción
Duelo de "galos" na Lomba entre Arosa e o líder Rápido de Bouzas que deixou as cousas como estaban, aínda que un mellor sabor aos de Pachi Salinas, que con este empate e o do Racing Villalbés en Cangas manteñen o liderado, alcanzando o título honorífico de campións de inverno, mentres os de Jorge Otero han de conformarse coa quinta posición, aínda que a un só punto dos postos de play-off.
Poucas ocasións e moita igualdade, rota na primeira parte por un remate de cabeza de Aitor Díaz, adiantando ao Arosa, resultado co que se chegaría ao descanso.
Na continuación, Carlos Pereira establecía o empate aos 55 minutos. Despois os arlequinados dispuxeron dun par de ocasións para levar os tres puntos, aínda que a igualada fai máis xustiza aos méritos duns e outros.
Consulta aquí o acta do partido Arousa-Rápido de Bouzas.
Non puido escoller o Ribadumia un momento máis inoportuno para ofrecer a súa peor cara da tempada. Fíxoo no Poboado, fronte a un As Pontes, penúltimo clasificado, que levaba sete xornadas sen coñecer a vitoria, e que ata o momento unicamente conseguira gañar ao pechacancelas Órdenes, no mesmo escenario e por idéntico resultado.
Os de Sierra deixan moitas dúbidas, cun só triunfo nos últimos nove partidos, pechando unha primeira volta na que comezaron ilusionando, chegando a coquetear cos postos nobres, para terminar decepcionando, metidos de cheo en terra de ninguén, pero coa preocupación do seu frouxo rendemento en moitos dos seus partidos.
Sen xogo nin perigo, o Ribadumia tirou por terra unha primeira parte na que xa estivo a mercé das Pontes, aínda que comezou algo mellor, para ir desaparecendo aos poucos. O fútbol directo dos locais non podía contrarrestalo o conxunto do Salnés, que apenas inquietou máis que en remate de Adrián Camiño, desde fóra da área.
Tras o descanso, Pablo Ramos converteuse no verdugo dos visitantes con dous goles, un nada máis renovarse o xogo e o segundo de bela factura, que parecían sentenciar. Con todo, no último minuto Fran Fandiño abriu unha porta á esperanza, pero o longo desconto ordenado polo colexiado non serviu máis que para levar o nerviosismo á afección local.
Consulta aquí o acta do partido As Pontes-Ribadumia.
Despois de sete derrotas consecutivas e case dous meses sen sumar un só punto, por fin o Céltiga recuperou a senda do triunfo e fíxoo nun partido clave, goleando a domicilio a un rival directo como o Castro, o que lle serve para evitar pechar a primeira volta en postos de descenso directo, en detrimento precisamente do equipo lucense.
Os da Illa venceron con claridade, logrando ademais os seus goles en momentos dos chamados psicolóxicos, o primeiro xusto antes de finalizar o primeiro tempo por medio de Ramón, e o segundo nada máis comezar a segunda parte, obra do extremo coreano Yeo.
Co partido resolto, o propio Yeo remataba a faena logrando o 0-3 a falta de dez minutos para o final.
Consulta aquí o acta do partido Castro-Céltiga.
Soubo aproveitar o Villalonga a súa visita ao campo de Vista Alegre para sumar tres novos puntos á conta do pechacancelas Órdenes, para pechar a primeira volta nunha máis que meritoria sétima praza con 29 puntos, tras sumar a súa sexta xornada consecutiva sen perder, e co seu obxectivo da permanencia moi ben encarrilado.
Protagonismo para ambos os porteiros, que detiveron un penalti cada un. Primeiro foi a quenda de Iván Parada, evitando que os locais se adiantasen, e logo o meta local, impedindo o gol da tranquilidade, cando o Villalonga xa se adiantou no marcador.
Un solitario gol de Rubén Cerqueiras, ao pouco de comezar a segunda parte, foi suficiente para dar o triunfo aos de Antonio, que manteñen a súa liña ascendente, especialmente nos seus partidos lonxe de San Pedro.
Relacionadas:
-
Golea o Arosa, derrota con polémica do Villalonga en San Pedro, Ribadumia empata a domicilio e cae o Céltiga
Por Redacción |
-
O Villalonga faise forte fronte aos grandes, importante triunfo do Céltiga e derrotas de Arosa e Ribadumia
Por Redacción |
-
Pleno de triunfos para Arosa, Villalonga, Ribadumia e Céltiga
Por Redacción |
-
Villalonga e Arosa xogan a non perder, o Céltiga cae nun final polémico e o Ribadumia deixa escapar dous puntos
Por Redacción |
-
O Arosa golea ao Órdenes (3-0) e ascende á terceira posición
Por Redacción |
-
Valioso triunfo do Villalonga no Barco, empate do Ribadumia e derrota do Céltiga en Vilalba
Por Redacción |