O Arosa completa o seu plantel coa fichaxe do dianteiro Fran Monroy
Por Redacción
Nas últimas horas de mercado na Terceira División o Arosa atopou ao fin ao ansiado reforzo para a súa dianteira, que completa o plantel co obxectivo de pelexar ata final de tempada por entrar no play-off de ascenso.
Trátase de Fran Monroy, que chega ao club arlequinado procedente do pechacancelas da competición, o Órdenes.
O futbolista vigués, formado nas categorías inferiores do Celta e que tamén pasou polas do Coruxo, militaba aínda a pasada campaña no equipo xuvenil do Levante. Xogou 16 partidos co Órdenes en Terceira, 15 deles como titular, nos que anotou sete goles.
Fran convértese así na segunda fichaxe invernal dos de Jorge Otero, cubrindo o oco deixado na punta de ataque por Cabanyes tras a súa saída do club e uníndose como reforzo a Antón Vilas, centrocampista zurdo de 21 anos que chegou a Vilagarcía procedente do Izarra.
O novo futbolista arosista incorpórase aos adestramentos do equipo este mércores 31 de xaneiro e estará a disposición do técnico para debutar na próxima xornada ligueira, o domingo ante o Deportivo B.