O Pontevedra roza a vitoria ao final na fortaleza de Mutilva (0-0)
Por Redacción
Gañar á Mutilvera no seu campo está a ser misión imposible para os aspirantes aos postos de honra. Por alí pasaron ata agora Ponferradina (que perdeu), Celta B, Real Racing e Racing de Ferrol, que non pasaron do empate. Tentouno o Pontevedra, que tamén tivo que conformarse cun punto, aínda que rozou a vitoria no último suspiro, nunha dobre ocasión de Abel e Miki, que neutralizou o meta navarro, Edu De Prados, con senllas paradas milagrosas.
Os de Luisito saíron airosos da fortaleza de Mutilnova, un campo de herba artificial, de boas dimensións pero dun cesped en mal estado, que fai case imposible calquera posibilidade de fútbol combinativo. Os navarros sábeno, por iso a súa aposta futbolística consiste nun fútbol tan rudimentario como pouco brillante, buscando sempre o balón directo, tratando de impoñer a súa fortaleza física, e aproveitar as segundas xogadas para someter aos seus rivais.
Pero os granates non caeron na trampa, realizando un partido serio, pouco brillante se se quere, pero igualando a intensidade en todas as disputas ao equipo local, ao que apenas concederon ocasións, tanto que Edu non tivo que empregarse a fondo en ningún momento para manter o seu portal a cero.
Firmes en defensa, con Portela e especialmente Bruno sensacionais en todas as accións, os galegos tiveron problemas para construír, aínda que súa sería unha das escasas ocasións do primeiro tempo, cun disparo de Mateu, traballador incansable, a centro de David Añón, que parou o meta local.
Mutilvera, pola súa banda, tivo a súa mellor ocasión nun remate afastado de Albisu, minuto 18, que foi dar ao poste da meta pontevedresa.
Na segunda parte mantívose a tónica de xogo trabado, intensidade máxima e escaseza de xogadas de verdadeiro perigo. Polos locais tívoa Andoni Ibero, pero Bruno cruzouse oportunamente para impedir o seu remate.
Ata que nos minutos finais desatouse o nó que impedía aos equipos crear perigo, primeiro cun remate de Mateu que se foi arriba (minuto 87), logo coa réplica local, abortada por Adrián ao impedir un remate de Laborda en posición vantaxosa (minuto 88), e por último no desconto (minuto 94), cando tras unha falta dos navarros lanzada sen acerto desde o bordo da área, o Pontevedra vaise arriba e tivo o partido por dúas veces nas botas de Abel, primeiro, e Miki, despois, pero xurdiu un enorme Edu De Prados, para taponar ambos os remates e evitar a vitoria galega.
UD MUTILVERA (0): Edu de Prados; Íñigo Artaso, Javier Lizárraga, Julen Monreal, Jose Albisu; Cisneros, Rubén Morillas (Eneko Baquedano, minuto 68); Eztieder (Naceur Tebares, minuto 87), Adoni Ibero (Éder, minuto 74), Dani Ederra; e Gorka Laborda.
PONTEVEDRA CF (0): Edu; Adrián, Portela, Bruno, Bonilla; Jacobo Trigo, Abel, Kevin Presa (Álex Fernández, minuto 90); David Añón (Mouriño, minuto 73), Mateu e Álex González (Miki, minuto 85).
Árbitro: Álvaro López Parra (Cántabria), auxiliado nas bandas por Luís Santamaría Carrión e Jonathan Rodríguez Fernández. Amoestou a Dani Ederra, por locais, e a Adrián e Jacobo Trigo, polo equipo galego.
Incidencias: Polideportivo Municipal do Val de Aranguren. Campo de Mutilnova (Mutilva-Navarra). Uns 400 espectadores.
Relacionadas:
-
A pegada do Celta B esmaga a un Pontevedra sen pólvora (0-4)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Un gol de fortuna decide a favor dos cántabros un extraordinario partido de Pontevedra e Real Racing (0-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Esixencia máxima para o Pontevedra ante un reforzado Real Racing
Por Diego Espiño |
-
Gonzalo abandona o Pontevedra "por motivos persoais" e deixa unha ficha libre para acudir ao mercado
Por Diego Espiño |
-
O grupo opositor a Lupe Murillo nútrese de accións que foron de Mauricio Rodríguez, Milo e Nino Mirón
Por Ramiro Espiño |
-
O Real Racing reforza o seu plantel antes de visitar Pasarón
Por Diego Espiño |
-
A Mutilva, cos 18 dispoñibles
Por Diego Espiño |
-
Mutilnova, un estadio inaccesible para os equipos que loitan polo play-off
Por Redacción |
-
Mateu Ferrer, ante a súa gran oportunidade
Por Diego Espiño |
-
RADIO.- Luisito aposta por dar continuidade o plantel e non acudir ao mercado de fichaxes
Por Diego Espiño |
-
Xogando con lume o Pontevedra supera o Guijuelo nun discreto partido (2-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |