Esquecida a Copa, o Teucro céntrase de novo na liga coa visita do sorprendente Balonmano Nava
Por Diego Espiño
Volta á realidade ligueira para a Sociedad Deportiva Teucro, que defende liderado coa visita ao Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra do conxunto revelación do que vai de campionato, o Balonmano Nava (sábado 20:30 horas).
O cadro segoviano recén ascendido a División de Honra Prata marcha quinto na táboa tras un grande inicio de liga, unha situación que pode sorprender a maioría pero non os teucristas.
Polo menos o técnico lerezano, Quique Domínguez, cre que "está jugando bastante bien y va a estar arriba todo el año", unha opinión similar á do extremo Adrián Pumar, que recoñece que "sorprende un poco si piensas que es recién ascendido pero cuando ves los jugadores que tiene no sorprende tanto".
Ambos os dous citan ao gardameta Yeray Lamariano como un dos seus piares, pero prefiren centrar os seus esforzos en recuperarse axeitadamente do esforzo dunha semana na que afrontaron un duro enfrontamento en Antequera e o choque de Copa do Rei ante o Ángel Ximénez.
Con todo o cansazo non será escusa, pois o Nava tamén xogou o torneo do KO entre semana e viaxará a Pontevedra o mesmo día do partido.
No bando pontevedrés a atención céntrase en recuperar a Víctor Rodríguez, que con problemas nas costas apenas xogou en Antequera e descansou o pasado mércores.
O lateral evoluciona favorablemente e Quique Domínguez espera que participe no choque xunto ao resto dos seus compañeiros.
Os árbitros designados para o encontro son os asturianos Álvarez Menéndez e Friera Cavada.
Relacionadas:
-
Segue intratable o Teucro que non dá opción (34-26) ao BM Nava
Por Ramiro Espiño |
-
Un mal inicio na segunda metade condena o Teucro á eliminación na Copa ante o Ángel Ximénez (28-31)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Vitoria en Antequera (33-34) para un Teucro que tamén sabe gañar sufrindo
Por Redacción |