Segue intratable o Teucro que non dá opción (34-26) ao BM Nava
Por Ramiro Espiño
Chegaba o equipo segoviano como unha das revelacións do campionato e a verdade é que deixou detalles importantes, pero encontrouse cun Teucro que segue intratable e realizou un partido serio dominando o seu rival de principio a fin.
Os visitantes só lograron estar por diante nas dúas primeiras accións do partido. A partir de aí o Teucro puxo pronto terra de por medio, logrando unha renda de cinco goles, mediado o primeiro tempo, que puido ser maior de non ser polo lixeiro atoamento nas accións ofensivas que sufriu nos últimos cinco minutos antes do descanso.
Precisamente ese momento intentou aproveitalo o BM Nava, pero entón apareceu Ricardo Amérigo para deixar todo un recital de paradas en lanzamentos claros dende os seis metros, que abortaron o intento de reacción visitante.
Destacar tamén un dos signos de identidade deste Teucro, como é a súa capacidade para defender en inferioridade, ata o punto de que, como xa sucedese fronte ao Octavio, as catro primeiras exclusións sufridas lograron saldalas sen recibir gol.
Por se había algunha dúbida de que equipo fora superior nos primeiros 30 minutos, o Teucro encargouse de despexalas por completo nos seis primeiros minutos do segundo tempo. Os de Quique Domínguez apertaron en defensa e en ataque encontraron a conexión central-pivote, cun acertado Gonzalo Carró. As consecuencias foron inmediatas, parcial de 5-0 e o marcador nun elocuente 20-11 (minuto 36), insalvable para os segovianos.
O que veu despois foi que Ricardo Amérigo seguiu co seu recital particular de paradas en accións francas de seis metros para o rival, e que Quique Domínguez puido reservar homes e forzas para os seguintes compromisos, non véndose obrigado sequera a tirar de Víctor Rodríguez, que puido descansar e recuperarse das molestias que arrastra.
O Nava quixo correr para intentar reducir unha diferenza que chegou a ser de 12 goles. Conseguiuno en parte, pero máis como consecuencia da relaxación final teucrista, que das súas propias posibilidades. Os azuis foron moi superiores e manteñen liderado contando todos os seus partidos por vitorias. Este Teucro segue pintando moi ben.
SD TEUCRO (34): Ricardo Amérigo; David García Pichel (3), Gonzalo Carró (6), Carlos García (6, de penalti), Borja Pedreira (3), Dani Hernández (3), Edu Moledo (4) -sete inicial-, Santi Gómez (p.s.), Carlos Pombo (1), David Chapela (3), Adrián Pumar (1), Marcos Dorado (4), Víctor Rodríguez, Iván Fernández e José Carlos Ameijeiras.
VIVEROS HEROL BM NAVA (26): Yeray Lamariano; Carlos Domínguez, Nicolás López (1), Alberto Camino (3), David Fernández (4), Alberto García (1), Ismael Villagrán (3, 1 de penalti) -sete inicial-, Crístofer Gómez (p.s.), David de Diego (p.s.), Bruno Virseda (2), Villarraso (6), Carlos Villagrán (2), Darío Ajo, De la Hera (2), García Candau (2) e Javier Gamarra.
Árbitros: Jesús Álvarez Menéndez e José Carlos Friera Cavada (Asturias). Excluíron por dous minutos a Borja Pedreira (2), Adrián Pumar, Dani Hernández e Gonzalo Carró (2), polo Teucro, e a Ismael Villagrán (2) e Carlos Domínguez, polos visitantes.
Marcador (cada cinco minutos): 3-2, 6-3, 10-6, 12-7, 12-9, 15-11 (descanso), 18-11, 21-14, 25-16, 29-19, 32-21 e 34-26 (final)
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Uns 400 espectadores.