Un mal inicio na segunda metade condena o Teucro á eliminación na Copa ante o Ángel Ximénez (28-31)
Por Diego Espiño & Diego Torrado
Non puido ser. A Sociedade Deportiva Teucro despídese da Copa do Rei en segunda rolda depois de caer na casa ante o Ángel Ximénez de Puente Genil (28-31).
Intentaron os azuis repetir a xesta da pasada tempada eliminando a un equipo de Liga Asobal e con esa mentalidade saíron á cancha.
Nin o 0-2 de saída dos visitantes tras unha rapidísima exclusión de Carró afectou aos pupilos de Quique Domínguez, que aguantaron durante a primeira metade o intercambio de golpes.
Chegou a escapar de dous tantos o Ángel Ximénez, pero reaccionou o Teucro ata poñerse por diante (12-11) no minuto 25. Foi o punto álxido dos azuis, que a partir de entón comezaron a sufrir a solidez do seu rival.
A igualdade mantívose ata o descanso (14-15) gracias a un gol de Pumar case sobre a bucina, pero empezaba a adiviñarse o que estaba por vir.
Na reanudación o conxunto visitante apertou o acelerador e puxo un punto máis de intensidade que nos souberon contrarrestar os lerezanos nin en ataque, con repetidas perdas de balón, nin nunha defensa que notou a ausencia por lesión de Víctor Rodríguez, principalmente pola rotación nunha liña que intentaba parar o potencial de Baena no pivote e dun inspirado Chispi, que demostrou por que é un dos goleadores destacados da máxima categoría.
O inicio arroiador do Puente Genil no segundo acto rompeu o marcador cunha renda que chegou nese momento ata os cinco tantos, pero que ascendería ata os sete.
A pesares diso o conxunto teucrista non tirou a toalla e seguiu pelexando ata o derradeiro minuto, no que tras un parcial de 5-0 reduxo a distancia a dous goles.
Era demasiado tarde, pero os azuis despedíronse desta forma coa testa alta da competición.
SD TEUCRO (28): Amérigo, Pichel (6), Carró, Carlos García (5, 1p), Borja Pedreira (4), Dani Hernández (4, 1p), Edu Moledo (1) - siete inicial- Carlos Pombo, Chapela (2), Pumar (5), Marcos Dorado (1), Iván Fernández, Iago Gómez, Ameijeiras.
ÁNGEL XIMÿNEZ (31): De Hita (1), Morales (3), Moya (7), Cuenca (3), Muñoz (2), Chispi (9, 3p), Rafa Baena (4) -siete inicial- Alejandro Morón, Olea, Laliga (1), Porras (1), Johny Medina, Cabello.
Árbitros: Merino Mori e Moyano Prieto. Excluíron a Carró e Borja Pedreira no Teucro, ademais dunha exclusión ao banco, e a Chispi, Johny Medina e Porras no Ángel Ximénez.
Marcador cada cinco minutos: 1-3, 4-4, 7-6, 8-10, 11-11, 14-15, descanso, 15-19, 19-22, 21-26, 23-28, 24-30, 28-31.
Incidencias: Partido de segunda rolda da Copa do Rei de balonmán disputado no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra ante preto de 500 espectadores.
Relacionadas:
-
Traballo extra para o fisioterapeuta do Teucro ante os problemas físicos de varios xogadores
Por Redacción |
-
Esquecida a Copa, o Teucro céntrase de novo na liga coa visita do sorprendente Balonmano Nava
Por Diego Espiño |
-
Víctor Rodríguez, única dúbida para un Teucro que afronta con ilusión a Copa do Rei
Por Diego Espiño |
-
Vitoria en Antequera (33-34) para un Teucro que tamén sabe gañar sufrindo
Por Redacción |