A aparición de gretas obriga a demoler o ximnasio do colexio de Barcelos
Por Alejandro Espiño
O colexio de Barcelos quedou sen ximnasio. A aparición, desde hai máis dun mes, dunha serie de gretas na súa estrutura obrigaron a pechar estas instalacións por motivo de seguridade. O Concello contratará unhas obras de emerxencia para reconstruír o pavillón.
Os técnicos municipais, que revisaron esta situación, sospeitan que estas gretas están relacionadas coa construción dun edificio anexo, en cuxa parcela se realizaron escavacións "que moveron o terreo", segundo o edil de Educación, Demetrio Gómez.
Haberá novas inspeccións a este edificio en construción para ver se as obras, que incluíron un muro de contención pegado ao colexio, se axustan ás licenzas concedidas.
Pero os danos no ximnasio son tan importantes que haberá que demolelo e reconstruílo case desde cero. A pesar diso, o goberno municipal sostén que o alumnado e o profesorado do colexio "non corren ningún perigo" porque as zonas afectadas foron clausuradas.
Ademais do ximnasio, as gretas alcanzaron a sala de profesores e a entrada do colexio pola rúa Rouco, obrigando os alumnos de menor idade a acceder ao centro por Barcelos.
As obras comezarán "inmediatamente", segundo o responsable municipal de Educación, e pagaraas o Concello con fondos propios porque "é o xeito máis rápido" para solucionar este problema e poder normalizar a actividade no colexio.
O Concello negociará posteriormente coa Xunta para que sexa esta, a través do seu departamento de Educación, a que asuma o custo destes traballos, que exceden dos habituais labores de mantemento que dependen da administración municipal.
Relacionadas:
-
Peche de tráfico na Rúa Rouco durante este domingo
Por Redacción |
-
O Concello acusa á Xunta de "tirar balóns fóra" á hora de resolver o estado actual do CEIP Barcelos
Por Redacción |
-
O Concello e a Xunta reuniranse este martes para falar do colexio de Barcelos
Por Redacción |
-
Encargan os estudos técnicos para coñecer o estado do colexio de Barcelos
Por Redacción |
-
O Concello decreta a suspensión inmediata das obras que afectan o colexio de Barcelos
Por Oskar Viéitez |
-
A reforma das vías perimetrais de Barcelos estará rematada antes do próximo verán
Por Alejandro Espiño |
-
Instalan o caixón que permitirá retirar o transformador de Fenosa do colexio de Barcelos
Por Redacción |