Condenan un seguro a indemnizar un bar de Combarro por verse obrigado a pechar pola pandemia
Por Natalia Puga
Os aseguradora MGS deberá indemnizar ao restaurante Tintanegra de Combarro por verse obrigado a pechar durante o estado de alarma derivado da pandemia da covid-19 no ano 2020.
Este negocio recibirá unha indemnización de 112.500 euros máis intereses, unha das compensacións máis altas concedidas ata hora polos xulgados españois por este motivo e, segundo os cálculos realizados polos representantes legais do restaurante, a máis elevada das concedidas en Galicia.
O restaurante Tintanegra, representando neste caso polo avogado pontevedrés Pablo Quinteiro, tiña asegurado en marzo de 2020, cando se declarou o estado de alarma que obrigou ao peche da hostalería, o seu negocio principal de Combarro e outro local anexo.
En ambos tiña unha póliza de seguro multirrisco que cubría, entre outros riscos, as perdas de actividade por peche do negocio. Esa coberturas contratáronse como garantía complementaria dentro do contrato. Ao local principal recoñecíalle unha indemnización por perda de beneficios de 600 euros por día laborable ata un máximo de 180 días e ao anexo, 150 euros por día laborable ata un máximo de 30 días.
Como consecuencia da declaración do estado de alarma, ambos os locais permaneceron pechados 62 días entre o 14 de marzo e o 15 de maio e outros 120 días a partir de xullo de 2020. Durante ese tempo, os empregados estiveron en ERTE por causa de forza maior para a suspensión do contrato de traballo.
Tras revisar o caso e celebrar un xuízo o pasado 26 de outubro de 2023, o Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Pontevedra decidiu estimar a demanda presentada polo restaurante e condenar á aseguradora para pagarlle 112.500 euros máis intereses. Serán, finalmente, 130.000 euros.
O 8 de novembro o xulgado ditou unha sentenza que, segundo explica o avogado do restaurante, xa é firme ao manifestar a compañía a súa intención de non recorrer e proceder ao pago inmediato.
O xulgado estima a demanda ao entender que a aseguradora non demostrou entregar ao restaurante as condicións xerais do contrato e que o peche derivado da pandemia non aparecía excluído nas condicións particulares que si facilitou o cliente.
O xulgado estima a demanda do local argumentando que o proxecto da póliza que lle enviou ao restaurante o seu axente de seguros antes de asinar cobre varios tipos de sinistros, con garantías principais e complementarias que non se limitan a cubrir danos nos bens asegurados, senón que "inclúen a responsabilidade civil e a perda de beneficios, como riscos tamén relacionados coa actividade negocial, á que non é allea unha perda de beneficios por peche".
Así, indica a xuíza que nin o proxecto de seguro, nin a 'solicitude-cuestionario' que se enviou ao restaurante vinculan tal perda de beneficios a que esta viñese determinada como consecuencia dalgún dos outros riscos asegurados.
Desta forma, a maxistrada conclúe o restaurante ten dereito a obter 108.000 euros por un local e 4.500 euros polo outro porque o peche forzoso de establecementos asociado á declaración do estado de alarma é "un feito único, derivado do peche do establecemento comercial imposto polas medidas adoptadas para facer fronte á situación de pandemia".
Relacionadas:
-
A anulación do estado de alarma non revoga as multas por non levar máscara, segundo un xuíz pontevedrés
Por Natalia Puga |
-
Os xulgados da Parda anulan multas do estado de alarma que o Goberno segue sen revogar de oficio
Por Oskar Viéitez |
-
Un xulgado pontevedrés anula por primeira vez unha multa por saltar o confinamento tras declaralo ilegal o Constitucional
Por Natalia Puga |
-
Criterio común dos xulgados de Pontevedra: multas por desobediencia no primeiro estado de alarma, anuladas
Por Alejandro Espiño |
-
Anulan unha multa a un mozo que estaba a fumar na rúa cun amigo durante o estado de alarma
Por Natalia Puga |