A anulación do estado de alarma non revoga as multas por non levar máscara, segundo un xuíz pontevedrés
Por Natalia Puga
A decisión do Tribunal Constitucional de anular os dous estados de alarma aprobados polo Goberno central para frear a expansión da pandemia da covi-19 non afecta as multas impostas aos cidadáns denunciados por non levar máscara na vía pública en circunstancias nas que o seu uso era obrigatorio.
Así o concluíu o maxistrado Francisco de Cominges Cáceres, titular do Xulgado Contencioso-Administrativo número 1 de Pontevedra, que ratifica a multa de cen euros imposta polo Concello do Grove a unha muller por non levar máscara.
A muller foi denunciada por non utilizar a máscara obrigatoria o día 24 de agosto de 2020 na zona do pavillón e palacio de exposicións da Toxa e recorreu a multa ao entender que a declaración de nulidade do primeiro e segundo estado de alarma por parte do Tribunal Constitucional tamén anula este tipo de multas.
Con todo, o maxistrado desestima o recurso porque considera que non afecta, senón que o uso obrigatorio da máscara "trátase dunha medida de carácter sanitario que non se corresponde con ningunha das concretas suspensións de dereitos fundamentais impostas nos estados de alarma".
A sentenza, contra a que non cabe interpoñer recurso, sinala que estas infraccións prescriben ao ano desde o día no que se cometen e formúlase a correspondente denuncia, á vez que destaca que, aínda que nun primeiro momento a competencia para impoñer estas multas correspondíalle á Xunta de Galicia, desde o 27 de febreiro de 2021 é dos concellos, de acordo coa modificación da Lei de Saúde de Galicia.
Esa modificación competencial, segundo o xuíz pontevedrés, aplícase retroactivamente a todos os procedementos sancionadores en trámite ou aínda non iniciados cando entrou en vigor, como sucede neste caso, pois o procedemento "incoouse e resolveu tempo despois da entrada en vigor da modificación legal".
O maxistrado explica que o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Vigo, nunha sentenza do 15 de abril de 2021, anulou por falta de competencia unha sanción similar imposta polo Concello de Sanxenxo o 14 de xaneiro de 2021 porque esa competencia, entón, era da Xunta, non da Administración municipal. Pero non é este caso.
Relacionadas:
-
Condenan un seguro a indemnizar un bar de Combarro por verse obrigado a pechar pola pandemia
Por Natalia Puga |
-
Os xulgados da Parda anulan multas do estado de alarma que o Goberno segue sen revogar de oficio
Por Oskar Viéitez |
-
Un xulgado pontevedrés anula por primeira vez unha multa por saltar o confinamento tras declaralo ilegal o Constitucional
Por Natalia Puga |