Silvia Pérez, investigadora do campus, recoñecida pola Delegación do Goberno polo seu labor contra a violencia machista
Por Redacción
A socióloga e investigadora do campus de Pontevedra, Silvia Pérez Freire, converteuse nunha das galardoadas cos Premios Menina 2023, que concede a Delegación do Goberno en Galicia.
O premio é concedido a esta profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e de Dirección e Xestión Pública polo seu traballo investigador, centrado na violencia sexual e os imaxinarios sociais. Tamén se recoñece a súa traxectoria profesional como consultora científica e de xénero para diferentes ONG e administracións.
A profesora recibía o galardón nun acto celebrado en Santiago de Compostela, presidido polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.
O amplo percorrido profesional de Silvia Pérez está ligado á loita contra a violencia machista. Foi cofundadora da Rede galega contra a trata sexual, plataforma que traballa con vítimas deste movemento ilegal.
Pérez Freire tamén é membro da Rede Académica Internacional de Estudos de Prostitución e Pornografía (RAIEPP) e da Rede Iberoamericana de Investigación en Imaxinarios e Representación (RIIR).
Participou en 28 proxectos de investigación, en sete deles en condición de directora, e publicou 16 libros e 18 artigos académicos relacionados coas súas principais liñas de investigación, segundo recolle o DUVI.