Chamada á "concienciación social" contra a trata de persoas para rematar con esa forma actual de escravitude
Por Redacción
Con motivo do Día Europeo contra a Trata de Seres humanos, a Subdelegación do Goberno celebraba este luns unha xornada formativa, organizada pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller.
A iniciativa levaba por título 'Un achegamento ás novas formas de escravitude' e enmárcase no ciclo sobre violencia de xénero que desenvolve a Subdelegación do Goberno para formar e especializar a profesionais que forman parte das Unidades contra a Violencia sobre a Muller e que están dirixidas a todas aquelas persoas que traballen neste campo.
Esta xornada espertou un notable seguimento ao completarse a capacidade do salón de actos da Subdelegación. Maica Larriba, subdelegada do Goberno, foi a encargada de clausurar a sesión centrándose na importancia de sensibilizar e impulsar un rexeitamento social contra a vulneración dos dereitos humanos das persoas a través da trata, fundamentalmente das mulleres.
Larriba alertou da importancia de poñer o foco da sociedade "nesta forma de escravitude moi presente en pleno século XXI", advertiu. Agradeceu a presenza da Fiscalía provincial e da colaboración na organización do acto, ademais de insistir en que a loita contra as violencias machistas e contra a trata de mulleres e nenas é unha "absoluta prioridade" para o Goberno central.
Nesta liña, lembrou que se está preparando unha lexislación específica para perseguir ás organizacións que se dedican ao tráfico de persoas, cunha especial incidencia a na explotación sexual.
Tamén destacou que se logrou que as vítimas de casos de explotación sexual poidan acceder ao Ingreso Mínimo Vital para garantir "unhas condicións económicas mínimas" que lles permitan saír das redes de explotación.
Ademais, Maica Larriba agradecía o traballo desenvolvido polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado nesta loita contra as mafias que trafican con persoas.
Nesta xornada participaban Mónica García García, fiscal adxunta da sección de Estranxeiría da Fiscalía Provincial de Pontevedra, Belén Rubido de la Torre, xuíza do Xulgado do Penal número de Pontevedra, especializado en violencia de xénero; Silvia Pérez Freire, doutora en Socioloxía e profesora da Universidade de Vigo; Francisco Rentero, inspector xefe da Unidade contra Redes de Inmigración Ilegal e Falsidade Documental de Vigo, da Policía Naciona; Rubén Penín, sarxento xefe do Grupo de Homicidios e Equipo de Muller-Menor, da Garda Civil; e Estefanía Bouzada, xefa da Dependencia de Traballo e Inmigración da Subdelegación do Goberno.
XORNADAS FORMATIVAS
O 21 de outubro desenvolverase a seguinte charla, ás 12.00 horas, impartida por Juan Carlos Vázquez, xefe da Oficina de Estranxeiría da Subdelegación, baixo o título 'Autorización de residencia para mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero'.
O 13 de decembro celebrarase a última charla centrada no ámbito xudicial. Belén Rubido de la Torre, xuíza do Penal número 4 de Pontevedra; e Paula Blasco Muela, fiscal da Fiscalía de Vigo encargaranse de impartir dúas charlas, a partir das 09.30 e as 11.30 horas, no Salón de Actos da Subdelegación.
Relacionadas:
-
Silvia Pérez, investigadora do campus, recoñecida pola Delegación do Goberno polo seu labor contra a violencia machista
Por Redacción |
-
Unha de cada catro vítimas da violencia de xénero en Pontevedra son mulleres estranxeiras
Por Redacción |
-
Os reclusos do Centro Penitenciario de A Lama serán os primeiros en recibir a "Maleta Viaxeira contra a violencia de xénero"
Por Oskar Viéitez |
-
O Colectivo Feminista dá un paso á fronte e visibilizará casos de machismo na cidade
Por Redacción |
-
Concentración ante a Audiencia para condenar o crime machista da Coruña
Por Redacción |
-
Igualdade organiza un videofórum polo Día contra a Explotación Sexual e a Trata de Mulleres, Nenas e Nenos
Por Redacción |