A reparación do firme e bacheo das pistas municipais de Poio comeza en San Martiño
Por Redacción
Operarios municipais iniciaron este venres os traballos para a reparación do firme e o bacheo das pistas de titularidade do Concello de Poio previstas para as próximas semanas.
Estas actuacións comezaron en San Martiño e durante os vindeiros días irán percorrendo aqueles lugares nos que sexa necesario reparar os danos que presentan as estradas e que poden supoñer un risco para a circulación dos vehículos.
O concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, explicou que o calendario de obras abarca a todo o municipio pero, en todo caso, está condicionado polas condicións climatolóxicas.
"As inclemencias do tempo e o tráfico pesado e intenso nalgunhas das pistas municipais fan que sexa necesario un mantemento continuo", destacou o edil, que aposta por "optimizar os recursos" e ir completando estes traballos cando as choivas dean unha tregua.
LIMPEZA DA PRAIA DE CABECEIRA
Outra das brigadas municipais continúa traballando nas labores de limpeza e recollida de restos das mareas e dos temporais que chegan cada día á praia de Cabeceira, en Lourido.
Nese lugar levan traballando xa unha semana, retirando as algas, os troncos e outros residuos e está previsto que continúen a principios da próxima, un labor intenso porque "cada día chegan novos e abundantes restos que arrastra a marea e que se acumula na area", destaca o Concello.