O PP considera "intolerable" que se impida ao público o acceso aos adestramentos nalgunhas instalacións deportivas
Por Redacción
O Partido Popular de Pontevedra expresou o seu "rexeitamento" ante a decisión do Goberno local de "seguir impedindo" o acceso das persoas aos adestramentos das instalacións deportivas municipais do campo de fútbol Manolo Barreiro, Pavillón Multiusos da Xunqueira e Pavillón Municipal dos Deportes.
O concelleiro responsable da área de Deportes do PP, Guille Juncal, considera que esta medida, "evidentemente necesaria nos anos da pandemia", convértese agora en "unha medida inxusta e intolerable" porque "non se aplica por igual en todas as instalacións deportivas municipais", o que está a xerar "unha desigualdade inexplicable" entre as nais, pais e familiares que acompañan aos seus pequenos aos adestramentos.
"Non entendemos como se pode explicar que haxa pontevedreses que poidan asistir a ver un adestramento en Monte Porreiro ou en Campañó, pero que non poidan facelo, por exemplo, nos campos do Manolo Barreiro", manifestou ante unha decisión que considera "discriminatoria" a finais de 2023.
Desde o grupo municipal popular respectan que esta determinación tomouse con anterioridade á toma de posesión de Anabel Gulías como edil de Deportes. Actualmente, e ante a "falta dunha xustificación razoable" para adoptar esta medida, Juncal insta a responsable nacionalista para que "rectifique esta decisión herdada" do mandato anterior e volva permitir "que impere a razón".
Engade que "todos os cidadáns deben ter os mesmos dereitos de acceso a instalacións municipais ou, pola contra, Gulías será responsable directa de seguir permitindo esta discriminación".