A OMIX de Soutomaior tramitou máis carnés xoves en outubro e novembro de 2023 que en todo 2022
Por Redacción
A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Soutomaior tramitou un total de 65 carnés xoves desde o 1 de outubro deste ano, cando o goberno de Soutomaior impulsou unha campaña para achegar a OMIX á parroquia de Soutomaior e dotar o rural do concello cos servizos de Xuventude, Cultura e Educación.
Estes 65 'carnés xoves', sumados aos 29 que a técnica municipal da OMIX ten pendentes de tramitar para o que queda de mes de novembro, supoñen que en só dous meses se tramitasen máis 'carnés xoves' que en todo o ano 2022.
Así, mentres en outubro e novembro de 2023 se tramitaron 94 'carnés xoves', en todo 2022 só se tramitaron 64. Isto supón case un 50% máis de carnés tramitados en dous meses deste ano que en todo o ano pasado.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, mostrouse moi satisfeito cos datos achegados pola OMIX, xa que "referendan que o goberno de Soutomaior acertou de cheo cando tomou a decisión de trasladar a OMIX á parroquia de Soutomaior".
"O traslado da OMIX, xunto con iniciativas como InfoExpress para dar un servizo directo nos centros educativos do concello, fixo que agora mesmo a OMIX estea prestando un servizo mellorado e próximo á mocidade do noso concello. Agora os rapaces e rapazas do noso concello teñen moitas máis facilidades para acceder á información sobre as actividades e servizos que o Concello de Soutomaior presta á Xuventude", destacou Lourenzo.
Os datos tamén mostran que a OMIX de Soutomaior é agora mesmo unha das oficinas de referencia para a información xuvenil en toda Galicia.
Só a Rede Galega de Dinamización Xuvenil e o Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil tramitaron máis carnés xoves que o Concello de Soutomaior no que vai de mes de novembro, en referencia aos concellos e entidades da súa dimensión.
Neste sentido, a OMIX de Soutomaior non só presta servizo á rapazada do concello, senón que atende a numerosos mozos e mozas de concellos veciños como Vilaboa, Ponte Caldelas ou Pazos de Borbén.
O alcalde agradeceu o traballo desenvolto pola técnica responsable da OMIX porque "é unha gran sorte que Soutomaior poida contar cunha profesional coma ela. Co seu traballo o nome de Soutomaior non para de afianzarse como un referente do ámbito xuvenil en toda Galicia"
"É unha envexa para o resto de concellos contar cunha OMIX como a de Soutomaior. O goberno de Soutomaior vai seguir apostando por esta liña de traballo, porque os datos referendan e demostran que non nos equivocamos e que estamos indo polo bo camiño para construír o Soutomaior do futuro e cada vez máis do presente", concluíu Manu Lourenzo.