Invisten 500.000 euros para finalizar a humanización da travesía interior de Tenorio
Por Redacción
O convenio entre o Concello de Cerdedo-Cotobade e a Axencia Galega de Infraestruturas posibilita que se invistan 500.000 euros máis para finalizar a segunda fase de humanización da travesía interior de Tenorio, entre Covas e As Cachadiñas.
Jorge Cubela, alcalde do municipio,visitou a zona e explica que nesta segunda fase van demoler as beirarrúas actuais para crear unha senda peonil con bordo en formigón de cor ocre.
Tamén se instalará un sistema de recollida de augas pluviais e van colocarse farois de nova xeración con menor consumo enerxético.
Na anterior fase investíronse ao redor de 800.000 euros coa intención de humanizar un traxecto de dous quilómetros.
Cubela considera moi positivos os traballos xa acometidos ao entender que mellorarán a imaxe da zona cun investimento total para este proxecto na parroquia de Tenorio de 1,3 millóns de euros.