A polémica polos peiraos do Náutico acéndese: "só hai un culpable deste malestar e é Portos de Galicia"
Por Redacción
A polémica entre veciños, Concello de Sanxenxo e Real Club Náutico pola construción dos novos peiraos segue acendéndose a medida que pasan os días. Este sábado o que saltou á palestra foi o concelleiro de Medio Ambiente, José Luis Rodríguez, para explicar pormenorizadamente todo o proceso de tramitación das bandeiras azuis e as "mentiras" do Náutico ao respecto e criticar ao que consideran o responsable de que a situación chegase a este punto: o ente autonómico Portos de Galicia.
"Só hai un culpable deste malestar sementado entre os veciños, a Administración local e outros colectivos, co Real Club Náutico de Sanxenxo, e é Portos de Galicia, xa que autorizou a súa situación desoíndo ao Concello de Sanxenxo, especialmente a súa alcaldesa", valora.
En relación coas bandeiras azuis, o Concello responde as críticas do Náutico e recórdalle que o próximo ano A Panadeira podería volver ter unha. Indican que a praia obtivo a distinción durante catro anos ininterrompidamente, dende 2007 ata 2010. No ano 2011 o Concello xa non a solicitou porque a calidade de augas no 2010 foi cualificada soamente como 'boa', por unhas décimas non conseguía o 'excelente' que é o que esixe ADEAC para que unha praia sexa candidata.
Esa cualificación de 'excelente' volverá tela cando o ratio dos últimos catro anos así o consiga, algo que posiblemente sucederá ao rematar a tempada de baño deste ano 2014, é dicir, podería ser perfectamente candidata a Bandeira Azul no 2015.
O escrito do organismo que concede as bandeiras azuis, ADEAC, sobre as obras do Náutico foi cuestionado dende a instalación do club privado, de modo que o Concello volve traelo a conto para defender a súa postura contraria aos peiraos. "Agora o que di ADEAC no seu escrito é que, aínda cumprindo co requisito imperativo de calidade 'excelente' das súas augas, co de módulo de salvamento, co de aseos, entre outras esixencias, o areal non conseguirá xamais a Bandeira Azul por culpa dos peiraos do Club Náutico", indica.
Segundo fontes municipais, ADEAC considera que as devanditas obras van en contra da filosofía e espírito do Programa Bandeira Azul e van "en contra do desenvolvemento sostible de Sanxenxo". Ademais, o escrito destaca como un criterio imperativo (criterio 12) que "a área da praia, as súas instalacións e actividades, así como o seu ámbito inmediato, deben cumprir cos plans oficiais de desenvolvemento e ordenación do territorio para a súa zona litoral e coa lexislación litoral e ambiental".
O Concello fai referencia á afirmación do Real Club Náutico de que ten posto en marcha o proceso de tramitación para a solicitude da Bandeira Azul para todas as súas instalacións. José Luis Rodríguez asegura que no concernente para este próximo verán, "iso só pode ser unha mentira, xa que o proceso de tramitación rematou o pasado 16 de decembro e, en todo caso, dicir que pedirán o galardón para todas as súas instalacións queda moi bonito pero esquecen que o equipamento, é dicir, o porto é municipal, non deles".
Ademais, José Luis Rodríguez explicou que o Náutico podería solicitar o galardón de Centro Bandeira Azul para o seu edificio, pero nunca para un peirao sen executar.
Relacionadas:
-
SOS Panadeira denuncia agresións nun novo enfrontamento polo pantalán do Náutico
Por Redacción | Creada e actualizada