SOS Panadeira denuncia agresións nun novo enfrontamento polo pantalán do Náutico
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Efectivos da Garda Civil tiveron que intervir a primeiras horas da mañá deste martes 25 no ámbito da praia da Panadeira en Sanxenxo ante o altercado que se orixinou entre operarios das obras de instalación do peirao do Náutico e un grupo de veciños que integran a plataforma SOS Panadeira.
Ás 7:00 horas, o retén de veciños que vixía esa zona comprobou que había movemento de camións coa intención de continuar as obras do peirao. Tras alertar a outros integrantes da plataforma mobilizáronse, situándose diante dos vehículos, coa intención de evitar a actividade. Esta decisión provocou que varios operarios das obras do Náutico se enfrontasen contra os manifestantes. Dende a plataforma denuncian que se trataba de varios homes encapuchados que agrediron os veciños e o vídeo do altercado, gravado cun móbil por un dos integrantes de SOS Panadeira, xa circula polas redes sociais. Como resultado da liorta un manifestante sufriu lesións nos dedos dunha man e outro presentaba un corte na boca.
Seis patrullas da Garda Civil presentáronse na zona a petición da dirección do Náutico e, ademais de identificar os manifestantes, retiraron os veciños da zona.
As dúas partes deste conflito xa se cruzaron denuncias por agresións.
BERROS DE "GORA ETA"
O Náutico de Sanxenxo sinala que as obras contan con todas as autorizacións e que, polo tanto, van continuar cos traballos de construción do novo peirao.
Este organismo denuncia que unha ducia de integrantes da plataforma impediu, en contra das resolucións xudiciais, que se delimitase a zona de seguridade para a obra do Porto Deportivo de Sanxenxo.
Indican que os integrantes de SOS Panadeira arrancaron os valos para lanzalOs dende o peirao á praia e impideron a circulación dos camións ata que foi alertada a Garda Civil. Apuntan, ademais, que o persoal da construtora se mostra indignado porque estes incidentes evitan que poidan cumprir os prazos acordados para a execución da obra.
A dirección do Club Náutico indica que os integrantes da plataforma "continuaron coaccionando os traballadores, molestándoos e proferindo insultos contra eles" e engade que "un dos integrantes empezou mesmo a dar berros de 'Gora Eta', feito que foi presenciado por varias testemuñas e denunciado por escrito ante a Garda Civil".
O Real Club Náutico de Sanxenxo finaliza o seu comunicado instando aos corpos e forzas de seguridade do Estado para que se fagan máis visibles nos próximos días para garantir o desenvolvemento dos traballos.
Relacionadas:
-
Investigan as "lamentables e gravísimas" agresións sufridas por membros de SOS Panadeira
Por Redacción |
-
O Náutico pecha filas sobre a construción dos peiraos e asegura que "vamos a terminar la obra"
Por Diego Espiño |
-
A polémica polos peiraos do Náutico acéndese: "só hai un culpable deste malestar e é Portos de Galicia"
Por Redacción |