O municipio portugués de Torres Vedras toma nota do modelo urbano de Pontevedra
Por Diego Espiño
Unha ampla representación da Cámara Municipal de Torres Vedras desprazouse a Pontevedra para desenvolver dúas xornadas de traballo co obxectivo de coñecer o modelo urbano da cidade de Lérez.
O máximo representante da localidade portuguesa, Carlos Suárez Miguel, cualificou a visita de "gratificante", dous días nos que se reuniron con técnicos municipais ou representantes da Policía Local, ademais de percorrer polo miúdo o centro urbano.
Entre os elementos a destacar, segundo o rexedor luso, encóntranse os camiños escolares, "unha idea brillante que podemos aplicar con pouco esforzo", sinalou.
Torres Vedras é un municipio situado a escasos 50 quilómetros ao norte de Lisboa, cunha poboación similar á de Pontevedra aínda que a súa zona urbana se reduce a 20.000 habitantes, e que é "coñecido no país e en Europa polo seu carnaval", o cal aspira a converterse en Patrimonio Inmaterial da Humanidade da Unesco.