Unha delegación do municipio portugués de Beja visita Pontevedra para aprender do seu modelo
Por Alejandro Espiño
Unha nova delegación portuguesa visitou este venres Pontevedra para coñecer detalles do modelo urbano da cidade. Trátase de representantes da Cámara de Beja, unha localidade situada na rexión de Alentejo, no sur do país luso. ÿ un municipio duns 36.000 habitantes, dos cales preto de 22.000 viven na zona urbana que, ao igual que a cidade do Lérez, ten un marcado carácter histórico.
Nesta visita participaron o responsable de Mobilidade e Transporte, Manuel Oliveira; a responsable de Turismo, Sonia Calvario; o responsable de Urbanismo, Vitor Picado e unha técnica da área de mobilidade, María Goreti. Todos eles se reuniron a primeira hora da mañá con técnicos municipais, para coñecer os detalles do proxecto que se foi implantado en Pontevedra.
"Estamos moi contentos co que vimos", sinalou Vitor Picado. Para estes políticos e técnicos portugueses, Pontevedra avanzou nun proxecto de "transformación social", que permitiu que a cidade sexa "máis democrática e inclusiva" e celebrou que fose posible coa colaboración da cidadanía, convertendo as persoas en "parte da solución". Trátase dun modelo "que pode ser replicado respectando as características de cada cidade".
Máis alá foi Manuel Oliveira que celebrou a "valentía" do goberno municipal de apostar por un proxecto que adoita facer florecer "reticencias" entre veciños e comerciantes e ten "certos custos políticos". Destacou que o que máis lles atraía de Pontevedra era como se recuperaran os espazos públicos para o goce cidadán e asegurou quedar "sorprendido" de que non haxa transporte urbano.
Durante a súa estanza na cidade, gozaron ademais dunha comida co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; e dun paseo por algunhas das zonas máis emblemáticas, especialmente o centro histórico, unha área que lles interesaba especialmente coñecer, xa que "estamos fascinados con ela", segundo Sonia Calvario. "ÿ un exemplo do que pretendemos facer na nosa cidade coa zona vella".